Literatura dramática – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

De-dogu

Vid. Kabuki  

Desenlace

Elemento estrutural da intriga situado ao final da obra que implica a resolución dos distintos fíos causais do argumento.

Didascalia

Texto de extensión e alcance variábel, como un enunciado emitido por un narrador ou un observador externo e que adquire certo sentido só se se atende á lectura do texto escrito, prescindindo do espectáculo representado e as diferentes formas de intervención do personaxe na obra.

Dilema

Disxuntiva ante a cal se atopan os personaxes, especialmente os heroes na traxedia clásica, nunha situación habitualmente climática e na cal se ven obrigados a escoller entre dúas solucións que poden ser equivocadas, ou ambas inaceptábeis, e que reforzan o destino tráxico ou o pathos, sufrimento e  infortunio do personaxe.

Dobre enunciación

Característica propia da dramaticidade que estrutura o discurso dramático a través de dúas modalidades discursivas diferentes. Unha, a das didascalias, constrúe un suxeito da enunciación indeterminado que algúns autores identifican co “autor implícito”; a segunda, a dos monólogos, diálogos ou polílogos, ten como suxeitos da enunciación as figuras ficcionais do drama.

Drama de salón

Drama burgués de circunstancia e de realismo cotián

Drama por estacións

Xénero propio do teatro expresionista que, na busca da ruptura coa estrutura clásica do drama organizado en actos, organiza a trama a través de sinxelos cadros ou pequenas escenas que van poñendo en relación os distintos personaxes da peza.

Drama satírico

É un dos xéneros dramáticos da Grecia Clásica, xunto coa traxedia e a comedia. Pode dicirse que era unha traxedia divertida, con presenza de elementos paródicos e cómicos en asuntos serios, unha estrutura similar á da traxedia, pois contaba con prólogo, párodos, episodios e éxodo, mais a diferenza desta podía conter certos vulgarismos, coloquialismos e unhas construcións sintácticas máis simples.

Dramaticidade

Propiedade esencial da literatura dramática. É o especificamente dramático, aquilo que outorga a condición de dramático a un texto, distinguíndoo por tanto doutros xéneros literarios coma a narrativa ou a lírica.

Dramatis personae

Tecnicismo latino empregado para nomear a lista de personaxes dunha obra dramática. Significa, literalmente, “personaxes do drama”.

Dramaturga, Dramaturgo

Persoa encargada de escribir o texto dramático, así coma a dramaturxia para unha peza escénica, labor que tamén pode comprender a elaboración das partituras visual, sonora e de accións físicas, actividade máis específica pola que recibe o nome de dramaturxista.

Dramaturxia

Actividade consistente en elaborar o texto da representación, o esquema ou un manual de instrucións de códigos expresivos ou (re)compoñer un texto para que unha persoa ou conxunto de persoas creadoras poidan levar a cabo un espectáculo.

Dramaturxista

Persoa que exerce a profesión consistente en preparar un texto para a representación ou en intervir nun texto de calquera natureza e xénero e facer posíbel que teña elementos dramáticos, é dicir, facelo apto e eficaz para a súa posta en escena a través da dramaturxia.

Drammatis personae

Vid. Didascalia