Literatura dramática – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Entremés

Xénero dramático cómico breve da época renacentista e barroca, que normalmente se intercalaba entre dúas xornadas dunha comedia para divertir o público coa súa intención burlesca. Na creación literario-dramática hispánica, considérase o que Lope de Rueda definiu como “paso” o precursor do entremés.

Épico, Teatro

Fórmula pola que é coñecida a proposta teatral de Bertold Brecht, de contido marcadamente antiaristotélico.

Epílogo

Parte final dunha obra que pode servir de resumo, recapitulación ou conclusión da mesma.

Episodio

1. Na Poética de Aristóteles, defínese como aquela parte dialogada que se atopa entre cantos completos do coro.
2. Trama paralela á principal ou unha das partes das que se compón a intriga dunha obra dramática.

Escrita escénica

Tarefa destinada a encarnar e facer visíbeis e ostensíbeis os personaxes, os contextos e/ou as accións que transcorren enriba dun escenario.

Esperpento

Xénero dramático cuxa autoría se atribúe a Valle-Inclán e no que se combinan elementos cómicos e tráxicos nunha visión deformada da realidade, con aspectos grotescos e absurdos, que nos presentan a animalización do ser humano, rexistros e xirias ao servizo dunha visión crítica, cínica ou degradada da sociedade.

Estásimo

Parte do “canto coral”, á súa vez parte estrutural da traxedia, canda o prólogo, o episodio e o éxodo.

Éxodo

É unha das partes estruturais da traxedia, canda o prólogo, o episodio e a parte coral.

Expresión

Segundo Aristóteles, composición dos versos.