Aristotélico, Teatro – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Aristotélico, Teatro

Categoría:

Dise do teatro construído a través dunha dramaturxia fundamentada nos preceptos sinalados por Aristóteles na súa Poética.

O teatro aristotélico é aquel que organiza a mímese de accións desde un argumento organizado a través da lei da causalidade vencellada a tres categorías estruturais fundamentais: tempo, espazo e figura. Para Aristóteles, construiríase así un argumento baseado na verosimilitude e na necesidade de todos os seus elementos integrantes. Grazas a iso conseguiríase a identificación entre o heroe e o lector-espectador, paso previo imprescindíbel para lograr a catarse. É por isto polo que o teatro aristotélico responde a un modelo concreto de mímese baseado na verosimilitude interna, estrutural, causalmente definida desde un mundo posíbel coherente e lóxico.

O termo “teatro aristotélico” (sinónimo de teatro dramático, ilusionista ou de identificación), foi acuñado por Bertold Brecht para distinguir este tipo de dramaturxia do teatro épico, aquel que, a través dunha serie de rupturas dramatúrxicas, lograría un efecto de distanciamento que tería como consecuencia a eliminación da catarse como obxectivo final da experiencia teatral. Brecht, en realidade, é restritivo, pois concibe como elemento básico do teatro aristotélico o efecto de identificación co heroe que causa a catarse. Do mesmo xeito, xa desde o século XV en que se recupera a Poética e os comentaristas aristotélicos comezan a escribir tratados interpretando a obra do Estaxirita, foise identificando este tipo de dramaturxia aristotélica con aspectos máis concretos que non estaban necesariamente tratados por Aristóteles; e por isto que, nalgúns usos concretos, identifícase o teatro aristotélico con aquel que cumpre a regra das tres unidades estabelecida por Castelvetro en 1570.

 

Relacionado con