Documento, Teatro – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Documento, Teatro

Categoría:

Tipo de teatro que presenta accións, textos, imaxes, xestos que non son xerados dende a ficción, senón dende a propia realidade. O principal referente desta tipoloxía escénica é o alemán Peter Weiss (1916-1982), con postas en escena que constituíron un referente na historia do teatro como A indagación (1964), onde investigou sobre os campos de exterminio nazis.

Na segunda década do século XXI o teatro documento cobra un importante vigor en creadores escénicos de América Latina, principalmente Arxentina, Chile e México, que terán un forte eco en compañías e festivais europeos. Compañías coma Lagartijas tiradas al sol (México), creadoras coma a arxentina Lola Arias, o chileno Marco Layera, o suízo Milo Rau ou os alemáns Rimini Protokoll, entre outros, son exemplos representativos deste novo teatro documento, que ten vontade de crear o seu propio relato xeracional, desprexuizado, ás veces provocador, irreverente ou multiperspectivista. Algúns destes novos espectáculos de teatro documento incluso contan nas postas en escena con actores non profesionais, persoas  relacionadas co tema central da peza ou que viviron en primeira persoa o episodio no que se centra. Outras características recorrentes das liñas compositivas deste novo estilo do teatro documento, que tamén se poden observar en compañías galegas coma Il Maquinario na súa obra Resaca (2017) son: tendencia cara á metateatralidade, uso dunha linguaxe híbrida que mestura imaxes gravadas e proxectadas en directo, autobiografismo, fragmentariedade ou similación acompañada de materiais diverxente, dende a música e a danza ata textos poéticos, técnicos ou dos medios de comunicación masivos.

O arxentino Federico León describe deste xeito a súa metodoloxía de creación, investigación e formación de novos creadores na súa visión deste novo teatro documento: “Baixo a forma dun proceso que conxuga a actuación, a escrita e a dirección, indágase sobre as posibilidades de construír ficción servíndose de elementos da realidade. Isto levarase a cabo a partir de historias e obxectos persoais dos participantes: cartas, fotos familiares, roupa, diplomas, diarios íntimos, trofeos, debuxos, etc. Materiais reais postos en funcionamento para explorar nas diferentes ficcións que cada un pode construír coa súa propia vida. O obxecto a estudar é a persoa e a súa historia. O que o estuda e o exhibe, a mesma persoa.

Nunha segunda instancia, realízase un proceso de depuración que consistirá en seleccionar, ordenar, reordenar, clasificar, para logo amosar, explicar, sinalar. O obxectivo radicará en atopar series, agrupacións de obxectos baixo lóxicas diversas. Por exemplo: alguén elixe contar a súa vida a partir da exhibición e narración das súas cicatrices; outro expón, como nunha feira ambulante, todos os obxectos que roubou na súa vida; na acción de ler as cartas que o seu pai lle escribiu a súa nai durante o servizo militar, unha filla atopa a mellor maneira para narrarse. Manipulación da propia historia. Que se mostra? Como se mostra? En que orde? O que non se mostra. Cal é a forma escénica específica que atopa cada un para expoñerse? O pasado como peza de museo. A persoa como museo en si mesma. O teatro como museo dunha vida.”

Nalgúns casos, algunha destas pezas, explorando nos límites da ficción e da non ficción, presentan un falso documento, como maneira de facer verosímil unha historia dun contexto cultural nun lugar inventado ou construído para situar unha tendencia sociolóxica ou unha vivencia concreta.

O investigador César de Vicente Hernando, pola súa banda, apunta unha serie de once teses que reúne o teatro documento:

  1. O documento é unha condición de produción e non unha substancia xenérica.
  2. O documento é un material histórico nos seus dous sentidos e polo tanto non pode ser reducido á subxectividade imaxinaria do artista.
  3. O documento despraza a ficción.
  4. O documento non imita o que sucede. Os feitos non son por si sós a realidade.
  5. O documento non é un historicismo. O que aparece no escenario é aquilo que non é visíbel e que precisa un tratamento conflitivo.
  6. O documento non re-produce nin os feitos nin as condicións, tampouco revela. Produce algo que non existía antes.
  7. O documento non representa, non substitúe ou realiza funcións da sociedade ou do público.
  8. O documento é arte e non política.
  9. O documento deixa de ser un teatro de autor. O texto é producido pola sociedade a través dos autores directos (dramaturgos) e indirectos (estudos).
  10. O documento non é unha reportaxe.
  11. O teatro documento informa, da forma a unha estrutura social que quedou falseada ou encuberta dende dentro e despois dende fóra das formas ideolóxicas que asimilan ata os discursos críticos.

Relacionado con