Dionisíacas – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Dionisíacas

Categoría:

Celebracións ou festividades dedicadas ao deus Dionisos na Ática, as chamadas dionisias rurais, e sobre o ano 600 a.C. na cidade de Atenas durante o mes de marzo, que duraban seis días e que están moi relacionadas coa fertilidade, o sexo, o viño e o teatro.

As Grandes Dionisíacas foron o cumio destas celebracións, que contaban cun amplo programa, no cal a cidadanía participaba en ofrendas, danzas, procesións, músicas, etc. O lugar de celebración era o templo de Dionisos, situado na parte sur da Acrópole. Alí chegaron as procesións e as danzas dos sátiros, que congregaron unha cantidade de xente nunha explanada, con espazo para a representación do coro, o que se se chamaba orchestra. No centro desa orquestra, un altar no que se acostumaban realizar sacrificios de animais, a thimelé sinalaba que esas procesións e esas representacións eran unha homenaxe á vida e unha conexión cos deuses. Aí, precisamente, xorde o teatro occidental en varios aspectos:

  1. No arquitectónico, porque co tempo se construirá unhas gradas de madeira para acoller á xente ás representacións finais das competicións, ás que os autores debían presentar unha tetraloxía composta por tres traxedias e un drama satírico. As comedias foron admitidas por primeira vez nas festas dionisíacas no ano 486 a.C. Estas gradas, a orquestra como espazo reservado ao coro e o altar son elementos que permanecerán na construción posterior dos grandes teatros de pedra e sobre as ladeiras das montañas, con preferencia para orientar o público ao sol e que os efectos do mesmo xunto co viño contribuísen a que esa experiencia fose, ademais dun encontro catártico de purgación das emocións, unha conexión cos deuses a través do teatro.
  2. No literario, pois grazas a estes concursos, daranse a coñecer os principais dramaturgos da Grecia clásica. Os ditirambos son composicións que deixan paso a unha creación moito máis competitiva e esixente, da que se conserva só unha parte, a dos dramaturgos Esquilo, Sófocles e Eurípides na traxedia ou as comedias de Arsitófanes, pois as súas obras representáronse con máis frecuencias e fixéronse copias dos manuscritos na época helenística posterior.
  3. No organizativo, pois desta complexa celebración que ten lugar no tránsito das dionisíacas rurais á cidade na época de Pisístrato, xorden figuras novas para conseguir o financiamento adecuado para poder realizar unha actividade que congregaba a tantos cidadáns coma o corega, patrocinador ou financiador da produción nas representacións teatrais.

Relacionado con