Produtor/Produtora – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Produtor/Produtora

Categoría:

Na Teoría de Polisistemas, de Itamar Even-Zohar, é o factor que representa a función da elaboración dos produtos, iniciando así as dinámicas artísticas nunha sociedade dada. No sistema teatral, produtor ou produtora é aquel individuo ou entidade encargado de crear teatro, isto é directoras e directores de escena, compañías e dramaturgas e dramaturgos.

Para Itamar Even-Zohar todo sistema está organizado de modo comunicativo, de xeito que cada factor do sistema cumprirá dentro del unha función equivalente á de cada un dos factores da comunicación estabelecidos por Roman Jakobson. Así, o produtor ou produtora equivalerá en termos comunicativos á función de emisión, sendo, por tanto, o punto de partida da comunicación social da arte á que se refire o sistema.

Segundo Inmaculada López Silva, no sistema teatral dáse unha función de produción múltiple debido ao carácter complexo da comunicación teatral, así coma á natureza dupla do produto teatral (literario e escénico). É por isto polo que considera que, no sistema teatral, serán produtores a directora ou director de escena en primeira instancia e, en segunda, a compañía como entidade de canalización efectiva do labor de emisión do director; ámbolos dous tipos de produtores darán lugar ao produto escénico ou espectáculo. Ademais, o dramaturgo ou dramaturga é tamén a entidade concreta que desenvolve a función da produción cando o produto resultante da súa actividade é o texto dramático ou calquera outra actividade vencellada á materialización literaria do teatro.

No sistema teatral galego a produción experimentou unha tendencia ao estabelecemento da fórmula escénica de produción, fronte á fórmula literaria que imperou ata os anos oitenta do século XX. A progresiva autonomización do sistema teatral fronte ao literario deu como resultado o estreitamento da zona de intersección entre ambos, de xeito que a produción escénica gañou en presenza como modo tamén autónomo de comunicación teatral o cal é considerado un elemento de normalización do sistema teatral. As características definitorias dos produtores do sistema teatral galego veñen determinadas pola precariedade propia do mercado en sistemas emerxentes. Así, as compañías adoitan ser pequenas e autoxestionadas. Ao tempo, tanto o labor de dirección de escena coma o da escritura dramática adoitan confluír con outros dos chamados oficios escénicos (sobre todo a interpretación e a escenografía), dando lugar ao que se ten chamado “director/dramaturgo factotum”. O proceso de normalización do sistema teatral galego tamén provocou que, desde os primeiros anos do século XXI, haxa unha tendencia cara á maior especialización de cada un dos labores de produción.

 

Para saber máis: Even-Zohar, Itamar (1990a) “Polysystem Theory”. Polisystem Studies, número monográfico de Poetics Today 11: 1. 9-26; Even-Zohar, Itamar (1990b) “The ‘literary system’” Polisystem Studies, número monográfico de Poetics Today 11: 1. 27-44; López Silva, Inmaculada (2015) “1.2. As características do sistema teatral galego. Normalidade e anormalidade nos factores do sistema”, en Resistir no escenario. Cara a unha historia institucional do teatro galego, Santiago, Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela e Secretaría Xeral de Cultura, páxs. 36-81; Vieites, Manuel F. (2004) “O sistema teatral”, en O teatro, Vigo, Galaxia, páxs. 41-52.

Relacionado con