Alternativo, Teatro – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Alternativo, Teatro

Categoría:

Modalidade escénica que abrangue un heteroxéneo abano de tendencias estéticas que teñen en común o considerárense a si mesmas opcións diferenciadas do teatro comercial, burgués ou tradicional.

Situándose no que Pierre Bourdieu chama “campo de produción restrinxida” ou periferia, o teatro alternativo individualízase coma espazo de produción capaz de albergar a novidade e a experimentación, posíbeis só entre públicos elitistas, isto é, minoritarios pero con elevada conciencia estética e capaces de soster unha alternativa á produción masiva propia do centro do sistema teatral, neste caso identificábel co teatro tradicional, clasico, burgués ou comercial. Alén diso, o teatro alternativo non só se caracteriza por unha vontade de renovación estética, senón tamén pola súa pescuda en novas canles de produción e distribución que permitan, chegado o momento, o necesario dinamismo do sistema teatral.

O concepto de teatro alternativo a miúdo aparece vinculado ao concepto de “sala alternativa”, como espazo de exhibición en propiedade no que amosan os seus produtos as compañías que realizan este tipo de teatro. Polo xeral, nestes teatros de titularidade privada realízase unha programación continuada destas propostas escénicas vencellábeis coas tendencias máis contemporáneas. A sala alternativa é, polo tanto, un espazo no que se dá un modelo de produción, exhibición e distribución axeitado para un tipo de teatro de produción e recepción restrinxida e con alta vontade experimental, a miúdo crítico coas canles de distribución máis comerciais e que, por tanto, xera modelos empresariais que se pretenden á marxe dos modelos tradicionais.

En España existe desde desde 1992 unha Coordinadora Estatal de Salas Alternativas, chamada actualmente Red de Teatros Alternativos, á que pertencen 44 salas por toda a xeografía española e que edita a súa revista Ubú. Actualmente, a única sala galega asociada é o Teatro Ensalle, de Vigo.

En Galicia, o termo “teatro alternativo” asóciase coa denominación que tanto crítica como compañías deron a un fenómeno escénico dos anos noventa do século XX e os primeiros anos do XXI caracterizado pola súa vontade de contestación ás estéticas tradicionais do teatro galego e aos seus modos de produción fortemente dependentes das Administracións Públicas. Daquela, autodenominábanse “alternativas”  as compañías máis innovadoras do sistema teatral galego, agrupacións que, ademais facían radicar o seu modelo teatral (e a súa alternatividade) na posesión dunha sala de titularidade privada: eran Matarile, co Teatro Galán, e Chévere, coa Sala Nasa, ambas as dúas en Santiago de Compostela, que mesmo chegaron a organizar un festival  conxunto chamado “Alternativa”. Na cidade de Vigo, ademais, celebrouse entre 2001 e 2017 o Alt, Festival de Teatro Alternativo.

 

Relacionado con