Persoa física ou xurídica que ten a responsabilidade de xestionar os recursos dun teatro, dun grupo ou dunha compañía.
Na estrutura organizativa do Teatre Nacional de Catalunya, a persoa encargada da Administración forma parte da Dirección executiva, dentro da área de Administración e finanzas, xunto con outros departamentos coma o de Recursos humanos, Responsábeis da sala, Infraestruturas e mantemento, Produción e xiras, Comunicación e marketing ou Departamento técnico. No caso do Centro Dramático Galego, ao ser un organismo sen autonomía xurídica e financeira, as tarefas de Adminstración están centralizadas no Departamento de Xestión da Axencia Galega das Industrias Culturais (agadic), organismo creado ao amparo da Lei 4/2008, do 23 de maio e rexido polo Estatuto aprobado no Diario Oficial de Galicia no Decreto 150/2012, do 12 de xullo.
Entre as tarefas do persoal de Administración está a realización de follas de cálculo para o coñecemento e control dos ingresos da billeteira, xestión das axudas públicas, patrocinios ou os gastos de dietas, cachés, produción, comunicación, material, licenzas, impostos, etc.