Encyclopedia – Páxina 2 – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Aparte

É unha convención dramática, pola cal un personaxe fala ao público ou a outro personaxe sen que un ou varios personaxes patentes na escena o escoiten e polo tanto reaccionen a esa información ou confesión, que normalmente revela os obxectivos, confidencias íntimas ou burlas sobre os que non escoitan. Pódese considerar o aparte unha especie […]

Apelación

Forma de aparte en que o personaxe rompe a cuarta parede dirixíndose ao público, sexa mantendo ou non a ilusión como tal personaxe dentro do marco ficcional de referencia.

Aplauso

Signo realizado polo público ao finalizar unha mensaxe exhibida co fin de comunicar de xeito non verbal a súa aprobación.

Apousentos

Termo empregado habitualmente en castelán, aposentos. Vid. Curral de comedias

Apuntadora, Apuntador

Persoa encargada de asistir á actriz ou actor cando lle esquece o texto, sexa nos ensaios, sexa durante a función.

Araceli

É unha estrutura de metal que forma parte da tremoia para as escenas aéreas verticais de representación dos misterios medievais dentro das igrexas.

Argumento

Resumo ou síntese da historia relatada pola peza teatral ou polo texto dramático.
Termo específico da teoría aristotélica, tamén empregado como sinónimo de “trama” ou “intriga” co que Aristóteles se refire á “estruturación dos feitos”.

Aristotélico, Teatro

Dise do teatro construído a través dunha dramaturxia fundamentada nos preceptos sinalados por Aristóteles na súa Poética.

Arquetipo

Personaxe recorrente da mitoloxía ou da cultura literaria tradicional que, en si mesmo, representa algún elemento innato común á especie humana.

Artes ao vivo

Vid. Artes escénicas  

Artes do espectáculo

Vid. Artes escénicas

Artes escénicas

Conxunto de modalidades expresivas baseadas no emprego do signo escénico e caracterizadas, por tanto, polo directo como fórmula de expresión e comunicación.

Artes performativas

Vid. Artes escénicas  

Artes vivas

Vid. Artes escénicas.  

Artificialización

Procedemento semiótico polo cal un signo pode ser desposuído do seu sentido real inicial para atribuírlle outro sentido, produto da súa reubicación nunha nova situación comunicativa ou da acción creativa sobre o seu feixe de significados, connotacións e denotacións.

Atelana

Tipo de farsa da Antiga Roma, procedente da cidade de Atella, posteriormente importada a Roma segundo o historiador Tito Livio e que se considera como un dos precedentes da Commedia dell’arte italiana.

Audición

Proba de selección do elenco, tanto para o teatro coma no medio audiovisual.

Audiencia

Vid. Público

Auleta

Músico que acompañaba o coro e guiaba a procesión coa que se iniciaban as dionisíacas.

Aulós

Óboe dobre propio do culto a Dionisos.

Auto

O auto ou auto sacramental é un xénero dramático renacentista, con orixes no teatro relixioso medieval.

Auto de fe

Vid. Auto

Axente

1. En Teoría de Sistemas, persoa ou entidade con capacidade de actuación nun sistema teatral determinado. 2. Representante de artistas.

Axitación e propaganda, Teatro de

Concepto procedente do movemento soviético, cuxo máximo expoñente foi o Outubro revolucionario de 1917, destinado a realizar novas postas en escena multitudinarias, que empregasen apeiros e elementos dos traballadores e falasen das demandas e opresións da clase obreira, sementando as bases ideolóxicas do comunismo.

Ballet de corte

É un xénero  escénico  que xorde en Francia no S. XVI, importado dende Italia por Catarina de Medici, raíña consorte de 1547 a 1559, mecenas das artes e de espírito humanista. Combina música, danza, poesía e pantomima e foi un dos sinais de esplendor da corte francesa en espazos cortesáns, xardíns e pavillóns transformados con grandes escenografías onde antes se practicaba o xogo de pelota.

Bambolina

Tea, normalmente de cor negra, que se amarra dunha vara e que colga sobre o escenario ocultando as cordas e elementos luminotécnicos ademais de aforar a escenografía, tanto na parte superior coma nos laterais

Bambolinón

Vid. Bambolina

Barroco, Teatro

Importante período histórico do teatro europeo do S. XVII en que se consolidan as tradicións teatrais europeas, principalmente o teatro do Século de Ouro español, a Commedia dell’arte italiana, o Clasicismo francés ou o Teatro Isabelino en Inglaterra.

Beats

Vid. Método

Belle nature

Concepto estético propio do clasicismo. Refírese ao obxecto da mímese artística como unha natureza idealizada capaz de expresar os parámetros do decoro.