Termo co que Gordon Craig se refire ao traballo da actriz ou actor a partir dun modelo de non-interpretación (non acting) que non pase pola encarnación do personaxe e o estudo psicoloxista que conduciría ao teatro naturalista, senón pola actuación a modo de autómata en mans do director-demiúrgo, procurando así un teatro de arte, antiteatral.
As teorías sobre a arte da actuación desenvolvidas por Edward Gordon Craig desenvólvense ao longo de múltiples traballos, pero é no capítulo “O actor e o supermonicreque”, incluído no volume de 1911 Da arte do teatro, onde concreta este termo a través do que pretende canalizar unha proposta non interpretativa e antinaturalista da arte da interpretación, na procura da acción directa e da procura dunha presenza escénica non baseada no filtro psicoloxista propio do naturalismo que, en opinión de Craig, impediría a verdadeira creación. Por suposto, de fondo está unha crítica absoluta, desde a arte da actuación, ao mimetismo como fórmula simple do teatro que, para o director británico, era responsabilidade fundamental de actores e actrices pechados en modos de interpretación pobres e baleiros, que non construirían nada nin aspirarían a significar nada transcendente.
Por outra banda, resulta interesante salientar que a teoría do supermonicreque se relaciona cunha concepción da dirección de escena coma arte absoluta que impón o control sobre todos os elementos significativos da posta en escena. A proposta de dirección de Gordon Craig bate frontalmente cuns modos de interpretación naturalista nos que a persoa que actúa rexe o seu propio proceso (psicolóxico) de encarnación dun personaxe, a miúdo sen atender a outros elementos creativos da posta en escena entendida coma arte totalizadora na que os signos derivados da actividade da actriz ou do actor deberían vincularse cos demais signos escénicos. O monicreque, neste sentido, supón unha metáfora da interpretación desexada por Gordon Craig: a versatilidade, a capacidade para a acción directa, a sintonía co espazo e o non cuestionamento da concepción artística dunha dirección asumida en sentido demiúrxico.