Encyclopedia – Páxina 13 – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Patético, lance

Aristóteles defíneo do seguinte xeito: “O efecto patético consiste nunha acción destrutiva ou dolorosa, como as mortes en escena, as manifestacións de dor, as feridas e cousas polo estilo”.

Pathos

Capacidade da obra para xerar na persoa espectadora algunha emoción, fundamentalmente mágoa ou piedade.

Pedagoxía teatral

Disciplina que se ocupa dos procesos de ensino e aprendizaxe e da animación teatral en ámbitos regrados e non regrados.

Pedagóxico, Teatro

Todo tipo de práctica escénica cuxo obxectivo fundamental é transmitir unha serie de coñecementos, competencias e habilidades a partir dunha experiencia artística escénica.

Peite

Conxunto de reixas e varas dun teatro, situado na parte superior do escenario ou tear .

Pensamento

Na Poética de Aristóteles, é unha das propiedades do obxecto da mímese e un dos elementos formais da traxedia, canda o carácter, o argumento, a expresión, a composición musical e o espectáculo.

Periacto

Dispositivo escénico propio do teatro grego consistente nun prisma xiratorio con pinturas nas súas caras lisas.

Personaxe

Figura ou entidade ficcional que desenvolve as accións do drama e de cuxa presenza depende a progresión do argumento.

Perspectiva escénica

Capacidade que ten un elemento ou conxunto de elementos nunha composición tridimensional para crear un determinado efecto visual ou percepción espacial e que, mediante a variación da súa escala e posición con respecto ao punto de vista do espectador, recrea un contexto, idea ou imaxe vinculada coa concepción real das cousas, para asimilala ou transgredila. […]

Peste

Concepto co que Antonin Artaud compara o teatro no seu libro O teatro e o seu dobre (1938).

Peza ben feita

Fórmula popular de entretemento pola cal os dramaturgos escribíán os seus dramas respectando as clásicas unidades de tempo, espazo e acción.

Pièce bien faite

Vid. Peza ben feita  

Piedade

Vid. Mágoa

Planificación teatral

Acto deliberado de intervención sobre o sistema teatral con intención prospectiva e desde a vontade de mudar as dinámicas do mesmo.

Poiese

Do grego poiesis (ποιησις) “creación”, está na orixe da palabra poesía e, daquela, da poética como disciplina que estuda o proceso de creación literaria a través dunha serie de técnicas concretas sobre as que se teoriza.

Polichinela

Vid. Atelana

Polílogo

Interacción lingüística na que interveñen varias persoas, ou diálogo con máis de dous interlocutores.

Polisistemas, Teoría de

Teoría funcionalista que tenta explicar o funcionamento das actividades humanas en sociedade a partir da idea dunha rede de relacións complexa, o sistema, que establece vínculos de interdependencia con outras redes.

Política cultural

Conxunto organizado de intervencións conscientes de carácter institucional e gobernamental destinado a pór orde nas dinámicas sociais vinculadas coa cultura e estabelecer acordos colectivos e normas que rexan o funcionamento do campo cultural e dos diversos sistemas artísticos nunha comunidade determinada e nun Estado dado. Cando as políticas culturais se orientan especificamente ao desenvolvemento de sistemas teatrais ou escénicos desde a premisa do teatro ou as artes escénicas como ben público, denomínase política teatral.

Política teatral

Forma da política cultural que orienta a acción dos poderes públicos cara ao teatro e as demais artes escénicas, posibilitando dinámicas de funcionamento do sistema que garantan a comunicación social das artes escénicas e as súas funcións específicas dentro do campo cultural.

Político, Teatro

Práctica teatral que persegue a contribución do teatro á revolución política proposta polo marxismo, de xeito que a representación e a práctica escénica sirvan para a toma de conciencia e a acción política por parte do público, entendido como pobo activo.

Posdrama

Vid, Posdramático, Teatro  

Posdramaticidade

Condición do teatro posdramático e dos seus derivados. Conxunto de características inherentes ao posdrama.

Posdramático, Teatro

Termo co que se designa unha modalidade teatral que constrúe a posta en escena desde unha vontade desxerarquizadora dos distintos signos, xerando así espectáculos nos que a noción tradicional de “texto” se revisa e nos que cobran valor os modos de significación estritamente escénicos.

Posmoderno, Teatro

Teatro que recolle as ideas estéticas da chamada posmodernidade.

Posta en escena

Concepto que aparece a mediados do século XIX para facer referencia a un novo xeito de organizar e concibir a profesión teatral responsable da realización dun espectáculo teatral.

Pragmática

Disciplina que estuda a linguaxe en acción.

Presentación muda

No Método de Konstantin Stanislavski, improvisación na que as actrices ou actores representan un segmento da obra en total silencio

Prexuízo

Coñecementos anteriores ao propio acto de recepción que condicionan as fórmulas a través das que a persoa destinataria estabelece o sentido da obra.

Produto

Na Teoría de Polisistemas, de Itamar Even-Zohar, é o factor que representa a consecuencia concreta e elaborada da función de produción. No sistema teatral, produto é un texto escénico ou dramático rematado e completo, producido e consumido en función das precondicións impostas polo repertorio.