Encyclopedia – Páxina 15 – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Semioloxía teatral

Vid. Semioloxía teatral

Semiótica teatral

  Vid. Semioloxía teatral

Semiotización

Proceso polo cal un signo experimenta unha traslación ou readxudicación do seu significado.

Signo escénico

Unidade mínima de significado na posta en escena caracterizada pola súa natureza icónica, múltiple e simultánea.

Signo icónico

Vid. Icono

Símbolo

1. Tipo de signo no que a relación co referente é de carácter arbitrario (por exemplo, o signo lingüístico).
2. Signo que representa unha entidade abstracta. Trátase, neste senso, dunha figura retórica do pensamento empregada para expresar conceptos abstractos a través de signos que sorprenden pola asociación que implican ou que estabelecen unha semiose complexa pola espiral evocadora que xeran.

Sistema consolidado

Sistema teatral que, por ter acadado un certo grao de madurez e desenvolvemento, posúe un funcionamento normal e complexo.

Sistema emerxente

Sistema teatral que, pola súa mocidade ou polas súas múltiples anomalías, non desenvolveu aínda o funcionamento normal de todos os seus factores.

Sistema Stanislavski

Vid. Método  

Sistema teatral

Segundo a Teoría de Polisistemas de Itamar Even Zohar, sistema é unha rede de relacións sociais arredor dunha determinada actividade. O sistema teatral, por tanto, consistirá no conxunto de interrelacións entre os distintos axentes e accións en torno á actividade que denominamos “teatro”.

Skené

Zona do theatron grego onde se realizaba a ficción teatral.

Sombras, Teatro de

Técnica e xénero teatral que consiste na representación de historias empregando figuras que se manipulan detrás dunha tea, que se ilumina pola parte oposta ao público.

Song

Canción introducida como mecanismo de distanciamento no Teatro Épico de Bertodl Brecht.

Stationendrama

Vid. Drama por estacións.  

Stichomythia

Orixinalmente, coincidencia entre a unidade sintáctica e a métrica e tamén intervencións de cada personaxe que ocupa un único verso.

Subtexto

No Método de Konstantin Stanislavski, subtexto é todo aquilo que non está explicitamente escrito no texto dramático pero que serve para definir o personaxe e interpretalo na posta en escena.

Subvención

En sistemas escénicos de intervención pública, é a asignación de recursos económicos desde a Administración aos diversos axentes de produción (compañías privadas, entidades para a exhibición e distribución, etc.).

Suceso

Vid. Acontecemento.  

Supermonicreque

Termo co que Gordon Craig se refire ao traballo da actriz ou actor a partir dun modelo de non-interpretación (non acting) que non pase pola encarnación do personaxe e o estudo psicoloxista que conduciría ao teatro naturalista, senón pola actuación a modo de autómata en mans do director-demiúrgo, procurando así un teatro de arte, antiteatral.

Superobxectivo

Meta final do personaxe, resultante da suma de todos os obxectivos que guían as súas accións na partitura total da obra

Surrealista, Teatro

Estilo teatral das vangardas que se asocia coa lóxica do onírico, coa sobreposición do mundo dos soños.

Suspense

Expectativa concreta de angustia, inquedanza ou preocupación arredor dalgún dos personaxes.

Tabernáculo

Do latín tabernaculum significa “tenda”, e refírese ao santuario ou espazo en forma de tenda onde se garda o sagrado tanto na tradición xudea coma na cristiá. Por extensión, o tabernáculo é, dende a igrexa románica, o espazo central con forma de tenda significada nunha cúpula en que se cruzan os brazos da cruz latina que fai a súa planta. É nese lugar onde ten lugar a liturxia como representación. 

Tableau vivant

Vid. Cadro vivo  

Teatralidade

Propiedade esencial do teatro. É o especificamente teatral, aquilo que outorga a condición de teatral ou escénico e que está necesariamente presente nas artes escénicas pero pode aparecer eventualmente noutras manifestacións humanas outorgándolles así a condición de teatral.

Teatro

Discurso de vocación estética no que un conxunto de emisores emiten unha mensaxe que é ficción ou artefacto artístico formado por signos icónicos, múltiples e simultáneos, ante un auditorio pluripersoal que é copresente ao acto de emisión.

Teatro á italiana

Modelo arquitectónico teatral que, seguindo unha disposición enfrontada entre escenario e público, diferencia claramente entre eses dous ámbitos e emprega elementos estruturais específicos que os caracterizan. Así, o escenario sepárase da sala a través do marco de embocadura, ao tempo que a sala, en forma de ferradura, semicírculo ou semióvalo aberto cara ao escenario, posúe zona de patio de butacas e palcos organizados en diferentes andares.

Teatroloxía

Marco disciplinar amplo e heteroxéneo que alberga as diferentes disciplinas de coñecemento arredor das artes escénicas nas dimensións teórica, tecnolóxica, metodolóxica e práctica, así coma as disciplinas artístico-escénicas propiamente ditas.

Temor

Vid. Horror

Teoría das artes escénicas

Vid. Teoría teatral