Surrealista, Teatro – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Surrealista, Teatro

Categoría:

Estilo teatral das vangardas que se asocia coa lóxica do onírico, coa sobreposición do mundo dos soños. O surrealismo, igual que moitos movementos das vangardas, opóñense ao psicoloxismo imperante e promove unha multiplicación da imaxe dos personaxes. O humor negro, a crueldade e o absurdo gardan moita relación con esta corrente. Como indica o especialista Xesús González Gómez, “Un teatro que para Béhar se caracteriza  “pola discontinuidade da fábula, organizada en secuencias parciais, segundo a lóxica contraditoria do soño. O personaxe non é individualizado, non goza dunha psicoloxía racional e só obedece ás leis do desexo; colocando no mesmo plano o manifesto e o latente, o seu comportamento testemuña a ambivalencia fundamental do soño. A linguaxe, moitas veces automática, caracterízase por un diálogo de asociacións libres; as escenas son xustapostas e non corrdenadas, e os temas son os que o surrealismo desenvolveu nas súas producións plásticas e literarias, levando a poesía ao escenario.”. Estas constantes, e máis o humor, apresenza de imaxes máis ou menos arbitrarias, a irrupción do marabilloso na escena, conformarían unha dramática surrealista, un teatro surrealista que sería máis vocal ca escénico, máis provocador ca dramático, máis espontáneo ca premeditado e que, como di Béhar, tira proveito das prácticas automáticas.

Os creadores máis representativos deste ismo, son o autor do primeiro manifesto surrealista, André Breton e xa na nosa contorna máis próxima, o dramaturgo Federico García Lorca, con pezas como El maleficio de la mariposa ou Así que pasen cinco años, levada a escena pola compañía galega Sarabela Teatro en 2003.

Relacionado con