Política cultural – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Política cultural

Categoría:

Conxunto organizado de intervencións conscientes de carácter institucional e gobernamental destinado a pór orde nas dinámicas sociais vinculadas coa cultura e estabelecer acordos colectivos e normas que rexan o funcionamento do campo cultural e dos diversos sistemas artísticos nunha comunidade determinada e nun Estado dado. Cando as políticas culturais se orientan especificamente ao desenvolvemento de sistemas teatrais ou escénicos desde a premisa do teatro ou as artes escénicas como ben público, denomínase política teatral.

Diversos textos normativos internacionais coma a Axenda 21 pola Cultura, partindo da propia Carta dos Dereitos Humanos, estabelecen a necesidade de entender a cultura como un ben público incluso máis alá da súa conceptualización ética e cívica, senón tamén desde unha perspectiva económica que recoñece á cultura a súa importancia como sector produtivo de carácter estratéxico nas sociedades máis desenvolvidas, vencellándose así a xestión da cultura co modelo benestante dos países europeos. Neste sentido, o Estado amósase como principal mediador entre os distintos axentes participantes tanto no feito cultural coma no feito político, pero, sobre todo, intervén a través da súa lexitimidade institucional nas distintas dinámicas dos campos culturais e do sistemas artísticos co fin de garantir o seu funcionamento e supervivencia, considerada un ben imprescindíbel para a boa convivencia social. Alén diso, desde que en 1945 Francia creou explicitamente o primeiro Ministerio de Cultura (presidido polo escritor André Malraux), faise evidente en todo o mundo a rendibilidade política da cultura por se amosar como un depósito de capital simbólico máis que efectivo en termos identitarios. Neste sentido, a xestión política da cultura ten que ver cunha política máis ampla na que se propoñen modelos de exercicio da cidadanía e modelos de definición da etnicidade, sempre desde a capacidade estruturante das institucións para o goberno, cuxa acción está lexitimada para por todos os axentes implicados debido á intrínseca relación entre política cultural e democracia nos países europeos.

Iñaki López de Aguileta destaca tres fórmulas a través das que o Estado intervén politicamente sobre a cultura. A primeira delas é a regulamentación e tutela, a través da súa capacidade institucional para o ditado de leis e normas que rexen e organizan o campo cultural. A segunda é a intervención indirecta a través do investimento económico e o incentivo fiscal sobre a cultural, de xeito que garante a súa presenza no tecido económico como sector produtivo. Finalmente, o Estado tamén pode intervir de modo directo a través da súa presenza como produtor ou consumidor directo de cultura, a través, por exemplo, de compañías públicas de teatro ou, no caso das artes plásticas, a través da compra de obras de arte. López de Aguileta tamén realiza un percorrido histórico polas políticas culturais, sinalando que as distintas fórmulas practicadas ao longo do tempo, son tamén modelos posíbeis na actualidade. Así, a primeira forma da política cultural coñecida é o mecenado, no que o Estado (ou o ámbito de poder dunha comunidade dada) protexe directamente a artistas e axentes da cultura garantíndolles a súa supervivencia a través da dedicación á arte e á cultura. O segundo modelo é o patrimonial, practicamente o único existente ata mediados do século XX, no que os Estados se preocuparían case exclusivamente da protección do patrimonio histórico e artístico como depósito fundamental dos valores simbólicos da nación. En terceiro lugar, a democratización cultural, base do modelo francés, implica unha vontade gobernamental de facer da arte a cultura en sentido amplo un ben accesíbel a toda a poboación, mentres que o modelo de democracia cultural, que xorde por reacción ao anterior, procura non só a accesibilidade da cidadanía, senón tamén a súa participación en todo o proceso creativo e cultural. Na actualidade hai un acordo xeneralizado que identifica a política coa xestión cultural, como modelo no que o Estado implementa unha serie de medidas acordadas coa sociedade civil e outros axentes culturais e institucionais orientadas a unha intervención que deriva, desexabelmente, da planificación cultural.

Nas diferentes resolucións tomadas nos organismos internacionais para a política cultural, determínanse diversos campos de acción que permiten estabelecer os aspectos máis atendidos desde a acción da política cultural:

  1. Conservación, protección e utilización produtiva do Patrimonio Cultural, tanto no relativo aos bens materiais que o conforman (monumentos, obras artísticas de interese público) coma no relativo aos bens inmateriais (lingua, tradición).
  2. Apoio e promoción da creación artística.
  3. Impulso da formación individual e colectiva en materia cultural e emprego desa formación desde unha perspectiva cívica (procedementos de animación, integración…)
  4. Planificación cultural
  5. Difusión cultural a través da promoción do libro, os medios de comunicación e outras industrias da cultura.
  6. Relacións culturais internacionais.
  7. Xestión e organización, aproveitando o aparello burocrático e administrativo do Estado, das accións de promoción cultural, tanto as directamente dependentes do Estado como aquelas que dependen da iniciativa cidadá. As políticas culturais serviranse así dun instrumento, as leis en materia cultural, para estabeleceren unha orde no seu cumprimento, e promoverán a capacitación de recursos humanos para garantir a boa xestión e a correcta aplicación das políticas deseñadas.

Aínda que sempre se dá algún tipo de política cultural, como acción gobernamental sobre a cultura máis ou menos estruturada, planificada ou orientada á promoción da cultura en sentido amplo e libre, entendemos que a política cultural moderna en España, de forte influencia francesa, aparece en 1977 coa creación do primeiro Ministerio de Cultura tralo Franquismo. A Constitución de 1931 xa recoñecía, no seu artigo 48, que “el servicio de la cultura es atribución esencial del Estado, y lo prestará mediante instituciones educativas enlazadas por el sistema de la escuela unificada”, facendo un vencello tradicionalmente aceptado entre educación e cultura. Na Constitución de 1978, vólvese á idea simbólica do vínculo entre cultura e Estado propoñéndose implicitamente un modelo combinado de democratización e democracia cultural, e xa no Preámbulo se indica a vontade de promover o progreso e a cultura, aspecto que se desenvolve no artigo 44: “1. Los poderes públicos promoverán y tutelarán el acceso a la cultura, a la que todos tienen derecho. 2. Los poderes públicos promoverán la ciencia y la investigación científica y técnica en beneficio del interés general.” A alusión á cultura volve aparecer en máis lugares coma o artigo 9.2 (“corresponde a los poderes públicos […] facilitar la participación de todos los ciudadanos en la vida cultural”), o 46 (“los poderes públicos garantizarán la conservación y promoverán el enriquecimiento del patrimonio (…) cultural de los pueblos de España”), o 48 (“los poderes públicos promoverán las condiciones para la participación libre y eficaz de la juventud en el desarrollo cultural”) e o 50 (“los poderes públicos promoverán el bienestar de los ciudadanos de la tercera edad mediante un sistema de servicios sociales que atenderán sus problemas específicos de […] cultura”). Por suposto, unha ampla lexislación sobre os distintos ámbitos específicos da cultura desenvolven en España estas atribucións constitucionais e dan conta das dinámicas politico-culturais propias do Estado español, cuxa particularidade é a transferencia da lexislación en materia cultural (e a acción política vinculada) ás Autonomías. É por isto polo que o Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981 nos seus artigos 18, 19 e 20 recolle competencias en materia de patrimonio, arquivos e bibliotecas, museos, conservatorios de música e servizos de Belas Artes, así coma o fomento da cultura e da investigación en Galicia, sempre desde a protección e fomento da lingua galega, atribucións para as que historicamente o goberno galego sempre xerou as entidades administrativas e consultivas correspondentes, as primeiras dependentes da Consellería de Cultura (cando existiu como tal), e as segundas derivadas do artigo 32 do Estatuto, onde tamén se recolle a creación dun Fondo Cultural Galego e mais do Consello da Cultura Galega, que existe desde 1983. Como é sabido, este réxime competencial foi historicamente fundamental para a creación do Centro Dramático Galego e mais doutras entidades específicas para o desenvolvemento dunha política teatral ou escénica en Galicia, coma o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais actualmente denominado Axencia Galega das Industrias Culturais.

 

Relacionado con