Mecenado – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Mecenado

Categoría:

Modelo de protección artística e fomento das artes consistente no financiamento e promoción dun artista concreto e a súa obra a través da garantía de compra, o sustento económico, o fornecemento de recursos vitais ao artista ou a residencia como garante da continuidade da produción.

O mecenado pode ser exercido polas institucións gobernamentais como fórmula para a implementación da política cultural ou da política teatral, pero tamén por persoas ou entidades privadas que procuran a través disto a adquisición dun capital simbólico interesante para o seu posicionamento na esfera pública.

Historicamente, o teatro sobreviviu grazas a modelos de mecenado como por exemplo a protección e sustento de compañías escénicas por parte de nobres e notábeis durante o período isabelino ou Século de Ouro español.

O mecenado non debe confundirse co patrocinio, xa que neste o investimento económico no artista e a obra responden a finalidades publicitarias e comerciais, mentres que no mecenado a finalidade é simbólica ou política.

Relacionado con