Encyclopedia – Páxina 9 – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Sen categorizar

Harmonía

Vid. Melodía

Hermenéutica

Disciplina filosófica que reflexiona sobre como se estabelece o sentido dos textos e, por tanto, sobre cales son os procedementos intelectuais que rexen a interpretación.

Heroe

Personaxe principal ou protagonista que actúa como motor do argumento.

Historia

Sucesión ordenada causal e cronoloxicamente dos acontecementos da acción nunha peza teatral, identificábel, nalgúns corpos teóricos, coa fábula. Na análise de espectáculos, unha das partes da atención terá que ver coa determinación e síntese desa orde de acontecementos vencellados aos temas que trata a obra entendendo ambas cousas coma o significado da mesma. Deste xeito, […]

Histrión

Vocábulo empregado na Antigüidade para referirse aos actores de teatro.

Honra

Topos constante do teatro do Século de Ouro español e doutras tradicións literarias que pode provocar situacións dramáticas tráxicas ou xocosas. Este tema recorrente na literatura dramática áurea refírese á reputación, distinción, gabanza ou fama dun determinado personaxe e que, no desenvolvemento da trama, habitualmente terá que salvagardar, recuperar ou restaurar.

Horizonte de expectativas

Conxunto de preconceptos desde os que se dá a recepción da obra artística, constituíndo unha parte fundamental do proceso de construción do sentido da obra por parte do lector/espectador.

Horror

Na Poética de Aristóteles, é, canda a mágoa, unha das emocións que se purgan a través da experiencia estética da traxedia, dando lugar á catarse.

Hypokrités

Termo grego para referirse ao actor.

Iconicidade

Propiedade dos iconos ou signos nos que, no proceso de semiose, ten lugar unha relación de semellanza entre o signo (significante e significado) e o seu referente.

Icono

Tipo de signo cuxa natureza semiótica se basea na iconicidade. Tamén se denomina signo icónico.

Identificación

Proceso experimentado pola persoa á que se destina a obra teatral a través do cal empatiza con quen a protagoniza, comprende as súas accións, e sente que, nas mesmas circunstancias, actuaría do mesmo xeito.

Ilusión

Resultado fundamental da mímese causado polo efecto de realidade que xera a posta en escena sobre a persoa que a recibe, conducíndoa a asumir o pacto escénico ficcional como medida desde a que interpretar a mensaxe sobre o escenario.

Imitación

Vid. Mímese

Independente, Teatro

Movemento teatral levado a cabo por diversos grupos con vontade de exercicio profesional ao longo de toda a xeografía do Estado español entre a década dos 60 e dos 80 do século XX.

Indicación escénica

Vid. Didascalia

Inferencia

Vid. Comunicación teatral  

Inicio

Vid. Comezo

Innamorati

Vid. Commedia dell’arte

Institución

Na Teoría de Polisistemas, de Itamar Even-Zohar, é o factor que representa a conservación da actividade artística concreta á que se refire o sistema como tal, e, por tanto, o factor que lexitima as súas normas de funcionamento e garante a súa existencia. No sistema teatral, institucións son todos aqueles individuos, accións e entidades capaces de mediar entre os distintos axentes do sistema teatral para garantir que a actividade denominada teatro exista dentro das dinámicas de comunicación social dunha comunidade cultural dada.

Interludio

Peza dramática curta, normalmente de carácter lúdico, introducida entre dous actos e que serve de distensión ou descanso da obra meirande na cal se intercala.

Intermedio

1. Pausa ou descanso no medio dunha representación escénica.
2. Peza breve intercalada entre os actos dunha peza.

Intermezzo

Na ópera e na zarzuela, composición breve ou entretemento dramático cunha duración aproximada de quince minutos entre os actos.

Intérprete

Persoa que desenvolve en escena algunha actividade interpretativa.

Íntimo, Teatro

Teatro de proximidade, onde a proximidade e ás veces a mestura entre os actores e os espectadores favorece que as fronteiras se dilúan e se cree un ambiente de festa, confesión ou de rito celebrativo e comunitario.

Intriga

Vid. Argumento

Isabelino, Teatro

Idade de ouro do teatro inglés, que se extende do 1580 ao 1630 e coincide co reinado da raína Isabel I (1558-1603) e de Xacobe I (1603-1625).

Itinerancia

Forma de exhibición teatral na que a compañía opta por desprazarse aos distintos espazos en que terá lugar cada función. É habitual en contextos en que a poboación é dispersa coma Galicia, e onde os teatros afectan a unha masa crítica reducida. É tamén a fórmula propia de sistemas teatrais onde non se optou por […]

Kabuki

Xénero teatral xaponés que se remonta a finais do século XVI e que apareceu como unha versión laica das danzas budistas. Os argumentos habituais do kabuki son enredos amorosos entre o samurai e a cortesá. Ademais das obras de tema popular, tamén existen as de carácter histórico. É moi característico pola utilización de maquillaxe facial e ás veces corporal e pola mestura da danza, a música e o recitado.

Kathakali

Xénero teatral de orixe aristocrática que xorde no século XVII na rexión de Kerala, no surleste da India.