Kabuki – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Kabuki

Categoría:

Xénero teatral xaponés que se remonta a finais do século XVI e que apareceu como unha versión laica das danzas budistas. Os argumentos habituais do kabuki son enredos amorosos entre o samurai e a cortesá. Ademais das obras de tema popular, tamén existen as de carácter histórico. É moi característico pola utilización de maquillaxe facial e ás veces corporal e pola mestura da danza, a música e o recitado.

Existen distintas etapas e datas significativas no desenvolvemento desta arte milenaria, que son as seguintes:

– 1603, sinálase como a data de nacemento do Kabuki, pois unha serva dun santuario sintoísta de Kioto chamada Okuni, comezou a danzar nas ribeiras do río unha danza suxestiva que pronto tivo unha grande aceptación popular e unha corrente de imitadoras. Púxose moi de moda tamén pola súa indumentaria.

-1629 é a data na que se prohibe que as mulleres poidan actuar, pois estes espectáculos foron xerando unha vaga de escándalos relacionados coa prostitución. Ábrese unha etapa de maior espectacularidade acrobática cos novos mozos que acceden a interpretar os papeis, normalmente femininos.

-1952, nova prohibición, xa que os mozos tamén eran susceptíbeis de provocar escándalos sexuais e polo tanto só se autoriza a representación a homes adultos. Nesta etapa, algúns actores comezan a especializarse na interpretación de papeis femininos, son os chamados onnagata, que se coñecen polo seu gran traballo xestual e pola modulación da voz.

Entre as características máis salientábeis da posta en escena do kabuki, cabería salientar os seguintes conceptos, relacionados tanto co atrezzo, coma polo edificio teatral ou polas accións físicas:

  • As mie eran poses dramáticas fixadas pola tradición que un actor debe adoptar no transcurso da representación, permanecendo estático durante uns segundos e expresando algún contido ou resumo de accións precedentes.
  • O hanamichi era un corredor ou plataforma elevada que atravesa a platea e que serve de mutis para as espectaculares a agardadas saídas dos actores.
  • O atrezzo dividíase en ko-dogu (abanos e todo o importante atrezzo de man) e o de-dogu (pequenos obxectos coma lanternas ou braseiros de escenas domésticas).
  • Os efectos especiais son habituais neste tipo de representacións e para iso pode haber maquinaria escénica que permita voar os personaxes ou desaparecer, con plataformas móbiles e escenarios xiratorios. Tamén o uso do disfrace é frecuente, normalmente de animais como cabalos ou xabaríns. Algúns son moitos máis grotescos, como poden ser as cabezas mutiladas.

O carácter visual é moi importante no Kabuki e isto vese reflectido tanto na indumentaria, nos kimonos, coma nas perrucas ou na maquillaxe. Ademais da exhuberancia que podemos apreciar na escena, a codificación e a convención de certas cores e formas darán unha serie de información social ou vital dos personaxes que un espectador occidental dificilmente poderá interpretar, mais si apreciar a beleza e harmonía da composición.

Relacionado con