Íntimo, Teatro – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Íntimo, Teatro

Categoría:

Teatro de proximidade, onde a proximidade e ás veces a mestura entre os actores e os espectadores favorece que as fronteiras se dilúan e se cree un ambiente de festa, confesión ou de rito celebrativo e comunitario, como acontece no espectáculo Que vaya bonito, da compañía catalá Teatro de Cerca (2014), unha festa de despedida, un adeus para amigos e familiares. Outras compañías, como a alemá Rimini Protokoll, realiza espectáculos na intimidade de fogares reais.

O formato do microteatro favorece este tipo de experiencias de teatro íntimo, mais non sempre nin exclusivamente, pois a intimidade promóvese na posta en escena tendo en conta elementos como o ton, o volume, o estilo interpretativo, a iluminación, a disposición, rol específico e número de espectadores, maquinaria escénica, etc. Así o podemos comprobar por exemplo nos espazos envolventes, a medio camiño entre unha miniatura de carpa de circo e tenda de campaña da compañía Hermanos Oligor, que no seu espectáculo Las tribulaciones de Virginia (2011), consegue ese ambiente de intimidade grazas á acción con autómatas, obxectos e unha historia relatada coma se fose un conto ao carón da lareira ou baixo as sabas da cama dun neno.

O teatro íntimo pode explotar diversos sentidos no seu contacto ás veces directo e bidireccional con cada un dos espectadores, o que favorece tamén que se poidan dar experiencias únicas e individuais, como acontece nos espectáculos La cama (2006) ou La piel del agua (2008), da compañía Teatro en el Aire. No primeiro, o son, o tacto, os olores e os sabores lévannos e déitannos nese espazo de sensualidade, soño, enfermidade e descanso, entre sabas e cores brancas. No segundo, 30 mulleres experimentarán con varios sentidos a recreación da cerimonia do Hammam. Outros espectáculos empregan dispositivos, para crear ou cuestionar e parodiar precisamente esa intimidade provocada pola representación escénica, como podemos apreciar na peza Sens sentit (2010), de Roger Bernat.

Tamén podemos incluír nesta tipoloxía escénica ao teatro da era post-corralito de Buenos Aires, ese teatro de corte neorrealista, de precariedade e subsistencia, ás veces costumista e de temática familiar que xorde en garaxes e salóns de casas, como é o caso da compañía Timbre 4 de Claudio Tolcachir e ese estilo interpretativo que semella coloquial, con varios focos de acción simultáneos, réplicas pisadas e ritmo acelerado que podemos ver neste mesmo director ou noutros arxentinos coma Daniel Veronese.

No teatro galego tamén se teñen desenvolvido experiencias neste sentido, por exemplo a peza de carácter performativo Conversatorio (2008), de Quico Cadaval, onde o artista recibe a un único espectador co que alterna unha conversa que pode ser vista pero non ouvida e así identificar as diferenzas entre coloquio, interrogatorio, confesión, sermón, revelación e outras formas de falar entre dous.

Relacionado con