Kathakali – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Kathakali

Categoría:

Xénero teatral de orixe aristocrática que xorde no século XVII na rexión de Kerala, no surleste da India. As orixes deste xénero escénico son as dun drama ritual e de adestramento militar, para logo evolucionar a danza dramática de carácter mitolóxico, sobre grandes poemas dramáticos coma o Mahabharata e o Ramayana, e aínda conserva hoxe o espírito relixioso hindú.


Bailaríns de Khatakali (2014) Foto de Krish9 [CC BY 3.0], via Wikimedia Commons

A base do actor de Kathakali susténtase nun extraordinario dominio corporal, resultado de moitos anos de formación en distintos ámbitos importantes para o seu ámbito expresivo coma a danza, os exercicios de ollos, masaxes, etc. Os actores non falan, só se expresan a través do movemento, onde teñen unha grande importancia os xestos das mans ou mudras, e nalgúns casos a través de sons estilizados de furia, sorpresa e medo.

O espectáculo teatral representa un papel paralelo ao da creación, segundo os textos sánscritos dos vedas, pois enténdese coma un xogo do demiúrgo. Deste xeito, a imaxe máis corrente para definir ao ser supremo represéntase coma o que permanece entre bastidores dese drama misterioso que é a vida. Para os hindús existe pois unha analoxía entre o xogo divino (lilá) e o teatro, e ademais o artista é coma un bailarín supremo (natajara) cuxa danza cósmica marca o nacemento e a morte dos mundos. A investigación artística é un verdadeiro método (sádhana) de concentración, contemplación e unión coa esencia máis elevada. A finalidade última do teatro é axudar ao ser humano a conquistar a paz do espírito. Neste sentido, xa que logo, a esencia da dramaturxia está deseñada tendo en conta estas tres fases fundamentais: as emocións expresadas pola obra teatral, o goce estético das persoas espectadoras e a total identificación dese goce como o máis íntimo do ser.

Ao igual que no teatro xaponés, no Kathakali as cores do vestiario e a maquillaxe sinalan os diferentes caracteres. Deuses, demos, animais e personaxes diversos requiren dun elaborado proceso de caracterización con maquillaxe de cores vexetais, peles e adornos para a cabeza que poden precisar de varias horas previas á representación. Os elementos, as cores e os adubíos coma barbas están moi tipificados, coma os puntos vermellos ou base de cor verde, que presenta a heroicidade do guerreiro. No vestiario e nas cores da cara combínanse os gunas para definir os caracteres, en diferente proporción consonte á cosmovisión hindú e atendendo aos tres grandes tipos: bondade, maldade e o activo.

Relacionado con