Isabelino, Teatro – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Isabelino, Teatro

Categoría:

Idade de ouro do teatro inglés, que se extende do 1580 ao 1630 e coincide co reinado da raína Isabel I (1558-1603) e de Xacobe I (1603-1625), que xa fora rei de Escocia. Foi unha época que destacou polo avance da profesionalización e da comercialización teatral, chegando a haber varios teatros na city, que causaban o interese de todas as clases sociais, mesmo dos puritanos. O teatro isabelino é un teatro moi asentado na palabra, que botaba man de abundantes figuras retóricas (símiles, aliteracións, etc.) e da renovación que producida pola introdución do verso branco (pentámetro iámbico) que liberou o diálogo da artificiosidade da rima. Os xogos de palabras eran un recurso habitual, mesturando a subtileza do idealismo amoroso petrarquista e neoplatónico coas maiores obscenidades ou tabús sociais. Non sabemos se na realidade as obras se representaban tal e como as conservamos hoxe, xa que temos noticia de diferentes versións, por exemplo do Hamlet de Shakespeare (1603, 1604/1605 e 1623), pero si sabemos que as acoutacións eran engadidas con posterioridade á representación en moitos casos.

Quedan moi poucos gravados do interior dos teatros, polo que para reconstruír o que poderían ser eses espazos como The Globe debemos botar man de diversas fontes como panorámicas das cidades, textos dramáticos e outras crónicas. Así, sabemos que en 1572 se crearon as primeiras compañías profesionais en Inglaterra e que en 1576 se inaugurou The Theatre, o primeiro teatro profesional. Outros virían despois, coma o propio The Globe, que empezou a funcionar en 1599. O feito de seren espazos circulares e estaren construídos con madeira (pintada imitando mármores e materiais nobres na parte do “casa dos actores” ou tarima das representacións) e palla, provocaron numerosos incendios e en 1642 o militar puritano Oliver Cromwell ordena o peche definitivo de todos os teatros, prohibindo de forma definitiva a actividade teatral, que consideraban unha práctica endiañada que podía pervertir a alma do pobo inglés. Lembremos que as mulleres non tiñan permitido o traballo nos teatros e os personaxes femininos eran interpretados por homes novos, polo que a solución do travestismo era outro asunto que tamén chegou a preocupar ao sector puritano polas atraccións sexuais que se puidesen espertar. A primeira actriz que pisa un escenario inglés é no ano 1660, para interpretar o personaxe de Desdémona no Otelo de Shakespeare.

A importancia da música, da festa e dos efectos neste período teatral, corrobórase nos propios textos, coma en Hamlet cando recibe aos actores, que ademais de pedirlles que sexan comedidos na expresión, pide que non se abuse de recursos ou, noutros textos, que a representación non exceda das dúas horas. A cercanía do público, portas no chan para aparicións e desaparicións repentinas e conectado cos cameríns, un guindastre (flying machine) pendurado para elevar elementos dun teito pintado coma un ceo estrelado e con signos zodiacais, son manifestación da ornamentada e efectista escena dunhas representacións onde os efectos eran importantes. Vestiario luxoso, obxectos simbólicos e alegóricos, vestiario luxoso e anacrónico, música de tambores, frautas, trompetas, etc., e danza, efectos acústicos e visuais, coma tronos ou lume. Agora ben, todo isto sempre ao servizo e sonoridade da plabra, o centro do teatro isabelino.

Os teatros comerciais que funcionaron en Londres entre 1576 e 1613 eran de planta circular, octogonal ou poligonal, un gradería no interior de dous ou tres pisos e un patio no que había unha tarima elevada de escaso metro e medio e cameríns con balcón, do que se podía pendurar unha tea e podía servir tamén de espazo de representación.

Os principais dramaturgos isabelinos, ademais do propio Shakespeare, son Christopher Marlowe, Thomas Kyd, John Ford, Ben Jonson, Thomas Middleton ou John Webster.

Relacionado con