Encyclopedia – Páxina 2 – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Polílogo

Interacción lingüística na que interveñen varias persoas, ou diálogo con máis de dous interlocutores.

Polisistemas, Teoría de

Teoría funcionalista que tenta explicar o funcionamento das actividades humanas en sociedade a partir da idea dunha rede de relacións complexa, o sistema, que establece vínculos de interdependencia con outras redes.

Política cultural

Conxunto organizado de intervencións conscientes de carácter institucional e gobernamental destinado a pór orde nas dinámicas sociais vinculadas coa cultura e estabelecer acordos colectivos e normas que rexan o funcionamento do campo cultural e dos diversos sistemas artísticos nunha comunidade determinada e nun Estado dado. Cando as políticas culturais se orientan especificamente ao desenvolvemento de sistemas teatrais ou escénicos desde a premisa do teatro ou as artes escénicas como ben público, denomínase política teatral.

Política teatral

Forma da política cultural que orienta a acción dos poderes públicos cara ao teatro e as demais artes escénicas, posibilitando dinámicas de funcionamento do sistema que garantan a comunicación social das artes escénicas e as súas funcións específicas dentro do campo cultural.

Político, Teatro

Práctica teatral que persegue a contribución do teatro á revolución política proposta polo marxismo, de xeito que a representación e a práctica escénica sirvan para a toma de conciencia e a acción política por parte do público, entendido como pobo activo.

Posdrama

Vid, Posdramático, Teatro  

Posdramaticidade

Condición do teatro posdramático e dos seus derivados. Conxunto de características inherentes ao posdrama.

Posdramático, Teatro

Termo co que se designa unha modalidade teatral que constrúe a posta en escena desde unha vontade desxerarquizadora dos distintos signos, xerando así espectáculos nos que a noción tradicional de “texto” se revisa e nos que cobran valor os modos de significación estritamente escénicos.

Posmoderno, Teatro

Teatro que recolle as ideas estéticas da chamada posmodernidade.

Posta en escena

Concepto que aparece a mediados do século XIX para facer referencia a un novo xeito de organizar e concibir a profesión teatral responsable da realización dun espectáculo teatral.

Pragmática

Disciplina que estuda a linguaxe en acción.

Presentación muda

No Método de Konstantin Stanislavski, improvisación na que as actrices ou actores representan un segmento da obra en total silencio

Prexuízo

Coñecementos anteriores ao propio acto de recepción que condicionan as fórmulas a través das que a persoa destinataria estabelece o sentido da obra.

Produto

Na Teoría de Polisistemas, de Itamar Even-Zohar, é o factor que representa a consecuencia concreta e elaborada da función de produción. No sistema teatral, produto é un texto escénico ou dramático rematado e completo, producido e consumido en función das precondicións impostas polo repertorio.

Produtor/Produtora

Na Teoría de Polisistemas, de Itamar Even-Zohar, é o factor que representa a función da elaboración dos produtos, iniciando así as dinámicas artísticas nunha sociedade dada. No sistema teatral, produtor ou produtora é aquel individuo ou entidade encargado de crear teatro, isto é directoras e directores de escena, compañías e dramaturgas e dramaturgos.

Profano, Teatro

Corpus teatral da época medieval que non ten contido relixioso (ou máis ben non está ao servizo da alfabetización relixiosa), que se realiza principalmente en prazas do exterior das cidades, e que ten como finalidade entreter, criticar ou moralizar ao pobo.

Programación

Termo co que nos referimos á exhibición de espectáculos e, polo tanto, á escolla subxectiva baixo unha serie de parámetros artísticos, sociais ou de mercado que establece a propia persoa programadora, ben para dotar de identidade ao seu espazo teatral, ben para cumprir un servizo público e atender ás maiorías ou minorías sociais, ben para conseguir outro tipo de réditos cuantitativos ou de repercusión mediática.

Programadora, Programador

Persoa que se ocupa da programación dun espazo ou casa do teatro e que pode ter diferentes graos de especialización e adicación dependendo do carácter público ou privado da entidade xestora ou da relación de postos de traballo da adminstración que o contrata.

Prohedria

Asentos de honra, mellor acondicionados e situados nas primeiras ringleiras do koilon.

Prolepse

Recurso para a manipulación do discurso temporal a través do cal se remite a un episodio posterior aos feitos amosados ou relatados.

Proskenion

Estrado que se situaba por diante da parede da skené onde os actores actuaban.

Proxecto escénico

Ferramenta propia da planificación cultural aplicada ás artes escénicas a través da cal se delimitan tarefas e recursos, así coma a súa organización no tempo e no espazo, co fin do lograr tanto un obxectivo artístico, coma a mellora económica, unha mudanza no modelo de produción, a difusión da obra ou a compañía, a procura de espectadores ou mesmo un propósito político-cultural máis amplo.

Psicodrama

Metodoloxía psicolóxica ou da psicoterapia que ten como obxectivo o diagnóstico e tratatemento clínico empregando o xogo dramático para tentar superar conflitos patolóxicos ou traumas e bloqueos persoais.

Público

1. Conxunto das persoas que reciben unha función dun espectáculo escénico. Conxunto das espectadoras e espectadores.
2. Grupo heteroxéneo de consumidoras e consumidores nun sistema teatral.