Prolepse – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Prolepse

Categoría:

Recurso para a manipulación do discurso temporal a través do cal se remite a un episodio posterior aos feitos amosados ou relatados.

Estudada, xunto con outros recursos de organización do discurso narrativo por Gérard Genette nos anos setenta, a prolepse supón a ruptura da orde cronolóxica da historia (anacronía) para amosar acontecementos posteriores a un punto de referencia identificábel co presente da acción ou co seu inicio. A prolepse é un anuncio ou unha mención adiantada explícita que se emprega para dirixir a atención da persoa á que se destina a obra cara a acontecementos posteriores ao presente da acción, insistindo así na xestación da intriga.

A prolepse tamén se denomina co termo inglés, moi habitual na análise cinematográfica, flash forward.

No teatro galego, tense identificado cunha prolepse o “Epílogo” da obra de Castelao Os vellos non deben de namorarse (1941) no que vemos os esqueletos dos tres protagonistas analizando e comentando o proceso que os levou a esa situación. Tamén se constrúe desde unha prolepse inicial a peza de Roberto Vidal Bolaño Días sen gloria (1993).


Dias sen gloria
Foto: Arquivo Centro Dramático Galego

Relacionado con