Anagnórise – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Anagnórise

Categoría:

Recoñecemento por parte do personaxe dunha obra dramática, normalmente dunha traxedia grega clásica, aínda que tamén se pode atopar nas comedias, de datos fundamentais sobre a súa identidade ou a dos seus acompañantes, do erro ou das consecuencias fatais do seu destino. 

A anagnórise é un procedemento dramático que supón unha revelación e unha sorpresa para o personaxe, que pode ter un efecto desencadeante, tanto na mudanza dos seus obxectivos coma do seu comportamento ou conduta.

Na dramaturxia contemporánea tamén podemos atopar esta estratexia, que confire dun gran poder tráxico e dunha especial contundencia á escena reveladora. Un exemplo maxistral atopámolo na obra Incendios, de Wajdi Mouawad, onde o proceso de anagnórise é múltiple, para todos os personaxes embarcados na encomenda e no desexo da falecida Nawal de que os seus fillos xemelgos atopen a un terceiro irmán e lle fagan entrega dun sobre pechado que contén datos sobre a súa vida e os seus actos. O descubrimento desa nova realidade descoñecida para ambos antes da morte da nai, nun país convulso e cunha historia de guerras, exiliados e presos, resultará conmovedor para a memoria deses personaxes e especialmente contundente para a recepción teatral, pois incluso o silencio dos personaxes abre toda unha gama de emocións, preguntas e horizontes para a persoa receptora ante este novo estado.

Relacionado con