Hanswurst – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Hanswurst

Categoría:

Literalmente, “Xoán Chourizo”. Nome dun personaxe tipo da farsa alemá dos séculos XVI e XVII, emparentado con Arlequino ou Bernadon, que representa ao parvo que en parte é hábil, ou ao tolo ao que as tolerías axudan a desenvolverse nunha vida de picaresca na que o sentido práctico predomina sobre o intelectual.

Hanswurst, que por extensión se converteu nun insulto no alemán da época, aparece nomeado por primeira vez en 1519, nun texto de Sebastian Brant titulado A ovella dos tolos. Posteriormente, o personaxe formaba parte do repertorio de actores célebres do teatro alemán e austríaco coma Joseph Anton Stranitzky ou Franz Schuch.

En 1739 Katarine Neuber escribe un prólogo titulado “Der Sieg der Vernunft-oder der Tod des Hans Wurst” (“A vitoria da razón ou a morte de Hans Wurst”), considerado o emblema da superación dos tipos da farsa como motor da acción dramática en favor do modelo burgués que instauraron para o teatro alemán a compañía da Neuber e mais o filósofo e escritor Johann Christoph Gottsched. Ambos loitaban encarecidamente contra unha tradición considerada vulgar, contraria á norma unitaria e inmoral da que o Hanswurst era o símbolo máis coñecido.

Finalmente, e malia a recuperación puntual do personaxe en obras de Johann Wolfang von Goethe ou Ludwig Tieck, durante o século XIX, a aparición do Hanswurst quedou reducida ao teatro de monicreques.

 

Relacionado con