Historia – Páxina 5 – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Onnagata

Vid. Kabuki  

Orquestra

Área circular do theatron onde se sitúa a thymelé ou altar para o culto a Dionisos e onde actuaba o coro.

Padroni

Vid. Commedia dell’arte

Pappus

Vid. Atelana

Parábase

Procedemento dramático da Comedia Antiga grega, na cal o autor pon en boca dos personaxes do coro diversas intervencións relacionadas coa realidade social da época, sobre o tema ou temas tratados na comedia ou algunha vinganza, denuncia ou crítica que o dramaturgo desexa facer en relación coa súa vida pública.

Paraskenia

Construcións a cada lado da skené no theatron grego.

Párodos

Co significado de “entrada”, é un termo con aplicacións tanto na arquitectura coma na estrutura da traxedia clásica.

Partitura de acción

No Método de Konstantin Stanislavski, enténdese que as accións de todas as escenas constitúen a historia a través da súa organización a través dun esquema artellado ao modo das partituras musicais.

Periacto

Dispositivo escénico propio do teatro grego consistente nun prisma xiratorio con pinturas nas súas caras lisas.

Perspectiva escénica

Capacidade que ten un elemento ou conxunto de elementos nunha composición tridimensional para crear un determinado efecto visual ou percepción espacial e que, mediante a variación da súa escala e posición con respecto ao punto de vista do espectador, recrea un contexto, idea ou imaxe vinculada coa concepción real das cousas, para asimilala ou transgredila. […]

Peza ben feita

Fórmula popular de entretemento pola cal os dramaturgos escribíán os seus dramas respectando as clásicas unidades de tempo, espazo e acción.

Político, Teatro

Práctica teatral que persegue a contribución do teatro á revolución política proposta polo marxismo, de xeito que a representación e a práctica escénica sirvan para a toma de conciencia e a acción política por parte do público, entendido como pobo activo.

Posdrama

Vid, Posdramático, Teatro  

Posdramaticidade

Condición do teatro posdramático e dos seus derivados. Conxunto de características inherentes ao posdrama.

Posdramático, Teatro

Termo co que se designa unha modalidade teatral que constrúe a posta en escena desde unha vontade desxerarquizadora dos distintos signos, xerando así espectáculos nos que a noción tradicional de “texto” se revisa e nos que cobran valor os modos de significación estritamente escénicos.

Posmoderno, Teatro

Teatro que recolle as ideas estéticas da chamada posmodernidade.

Presentación muda

No Método de Konstantin Stanislavski, improvisación na que as actrices ou actores representan un segmento da obra en total silencio

Profano, Teatro

Corpus teatral da época medieval que non ten contido relixioso (ou máis ben non está ao servizo da alfabetización relixiosa), que se realiza principalmente en prazas do exterior das cidades, e que ten como finalidade entreter, criticar ou moralizar ao pobo.

Prohedria

Asentos de honra, mellor acondicionados e situados nas primeiras ringleiras do koilon.

Proskenion

Estrado que se situaba por diante da parede da skené onde os actores actuaban.

Raio de enerxía

Vid. Método    

Rapsoda

Persoa encargada de recitar profesionalmente poemas épicos na Grecia clásica.

Relixioso, Teatro

Na época medieval, misterios, milagres, autos e todo tipo de pezas de contido bíblico, carácter didáctico sobre asuntos relacionados coa moral cristiá ou divulgación de episodios no culto, sobre todo relacionados coa paixón, morte e resurrección de Xesucristo.

Retractatio

Mecanismo polo que a mímese volve a ollada aos modelos artísticos do pasado, é dicir, aquelas obras xa refrendadas pola Historia ou polo canon que cumprirían os requisitos poéticos necesarios para seren consideradas obras correctas e, por tanto, segundo a mesma teoría horaciana, decorosas.

Rito

Celebración ou acto cerimonial que celebra unha comunidade cultural de xeito repetido ou estacional, para conseguir determinados beneficios ou purificar, iniciar, consagrar, de carácter funerario ou conmemorativo, de paso ou de acción de grazas.

Ritual, Teatro

Teatro que emprega o rito como fonte nun proceso de posta en escena que bebe deses actos cerimoniais, agrarios ou de fecundidade, onde a orxía, a procesión, o sacrificio, o carnaval ou o ditirambo posúen unha especial relevancia.

Sádhana

Vid. Kathakali

Satírico, Drama

Xénero da Grecia Clásica, intepretado por un coro de sátiros, de tema lendario ou mitolóxico e para o que empregaban indumentarias con pelaxes de animais, falos de gran tamaño e outros elementos de utilería.

Sistema Stanislavski

Vid. Método  

Skené

Zona do theatron grego onde se realizaba a ficción teatral.