Historia – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Cadro vivo

Fórmula visual, que fai referencia a un tipo de composición escénica polo cal os actores e actrices fican estáticos e sen falar, reproducindo unha estampa case coma unha fotografía.

Canevás

Vid. Commedia dell’arte

Carro

Plataforma de madeira de, aproximadamente, dous metros de altura e normalmente con rodas sobre a cal se representaban os misterios medievais.

Cazola

Termo empregado habitualmente en castelán, cazuela. Vid. Curral de comedias.

Cazola

No edificio teatral do Século de Ouro español, a cazuela ou cazola era un palco reservado especificamente para as mulleres. Situábase polo xeral no extremo oposto ao escenario, sobre a entrada.

Cazuela

Vid. Cazola  

Circo

1. Espectáculo tradicionalmente baseado na exposición de diversos números de risco e habilidade, humor e doma de animais.
2. Edificio ou carpa con gradas e unha parte central circular ou area para a representación de diversos números de malabarismo, acrobacias, equilibrismo, números de pallasos, feras e outros diversos números.
3. Na Antiga Roma, estrutura ao aire libre de grandes dimensións, normalmente en forma ovalada e cunha parte central ou espiña, en cuxos laterais podería haber un contador para as carreiras de  cuadrigas ou calquera outra competición. Un dos máis famosos foi o Circus Maximus, con capacidade para cento cincuenta mil espectadores.

Círculo de atención

Vid. Método  

Circunstancias dadas

Vid. Método  

Clasicismo

Movemento estético-teatral que, partindo da revitalización do gusto grecolatino en toda Europa e da expansión da filosofía humanista a partir do século XV, supón unha revolución escénica que determina o definitivo asentamento do teatro á italiana e a fin das pautas escénicas medievais. O concepto está temporal e xeograficamente determinado, en función da vaga clasicista que percorre os países europeos e que conflúe, ademais coa tradición renacentista, barroca e neoclásica en Italia, Francia, España e Alemaña, respectivamente.

Comedia erudita

Tipo de comedia renacentista cultivada polos eruditos humanistas italianos a modo de imitación dos modelos clásicos, principalmente Plauto e Terencio.

Cómica, Cómico da legua

Vid. Barroco, Teatro

Commedia dell’arte

Xénero cómico italiano nacido na século XVI e de importante influencia na cultura escénica europea posterior. Tamén recibiu as seguintes denominacións: commedia all’improviso, commedia a soggeto, commedia di zanni e, en Francia, comédie italienne. Como se indica no Dicionario de Termos Literarios do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades: “A súa orixe parece […]

Compañía de título

Vid. Barroco, Teatro

Coñecemento afectivo

Tamén chamado “análise cognitiva”, é unha técnica de análise textual propia do Método de Konstantin Stanislavski.

Coreuta

Membro do coro da traxedia clásica.

Coro

1. Personaxe colectivo da traxedia e da comedia grega clásicas encargado de alertar, informar, danzar ou bailar e que dialoga cos protagonistas a través do corifeo.
2. Agrupacións folclóricas que, a fins do século XIX e comezos do XX representaban zarzuelas e promovían a recuperación da música e a danza populares, alén de representacións teatrais de orde polo xeral costumista e rural.

Coturno

Calzado con base de cortiza que empregaban os actores da traxedia grega clásica nas representacións para os heroes e protagonistas, coa finalidade de pareceren máis altos.

Crueldade, Teatro da

O Teatro da Crueldade é un termo acuñado polo autor, director e actor Antonin Artaud en 1938 no seu libro fundamental O teatro e o seu dobre. O concepto busca a expresión dunha nova forma de teatralidade que foxe do mimetismo absoluto e do psicoloxismo propios do drama naturalista, na procura dunha esencia primixenia das artes escénicas que Artaud atopa no carácter icónico do signo teatral e na irrepetibilidade do momento escénico.

Curral de comedias

Espazo de representación do teatro comercial durante o Barroco español, xunto cos palacios e recintos da monarquía para o teatro cortesán e a rúa para os autos e os cómicos da legua, entre outras manifestacións artísticas.