Parlamento – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Parlamento

Categoría:

Intervención dun personaxe nunha obra dramática.

O parlamento adoita diferenciarse da réplica pola lonxitude do discurso e polo seu carácter autónomo. Aínda que a meirande parte de exemplos de parlamentos podemos extraelos do monólogo ou do soliloquio, tamén poden existir parlamentos noutra tipoloxía de intervención dos personaxes, o diálogo, con todas as súas variantes e funcións pragmáticas ao servizo da acción e do carácter dramático perseguido polo autor e que algúns estudosos clasifican deste xeito:

Bobes Naves (1997: 262- 276) Becerra de Becerreá (2007: 155-167)
·     Diálogos argumentativos

·     Diálogos de inversión cómica

·     Diálogos informativos

·     Diálogos de paixón e de vida

·     Diálogos conversacionais e narrativos

·     Diálogos icónicos asociados ao realismo psicolóxico

·     Diálogos esticomíticos

·     Diálogos interiores e monólogos líricos

·     Outros tipos de diálogo

·     Diálogo de situación

·     Diálogo discursivo

·     Diálogo referencial

·     Diálogo oblicuo

·     Diálogo ilustrativo

·     Diálogo aleatorio

·     Diálogo de xordos

·     Diálogo paralelo

·     Falso diálogo

·     Diálogo de réplicas en progresión

·     Diálogo de repetición ou variación insistente

·     Diálogo de réplicas enlazadas

·      Diálogo de evasión, subterfuxio e recoñecemento

O diálogo, polo tanto, pode conter unha extensa serie de argumentos, ideas, cuestións, proposicións ou circunloquios que dotarán de carácter de parlamento a esa intervención, a esa voz do personaxe.

Un exemplo podemos atopalo na obra de Santiago Cortegoso Casa O’Rei, onde, alén dos parlamentos en forma de monólogo dos distintos personaxes do elenco ao comezo de cada escena, tamén atopamos parlamentos do personaxe do Rei nos diálogos, parlamentos que nos ofrecen información das intencións e a través dos cales iremos descubrindo a estratexia e medindo a tensión na casa familiar de comidas:

REI: Xa sei que vou vello, que vou perdendo a man e que isto é moito choio para min. É tempo da retirada, non che digo que non. Pero como me podes dicir que está mal de sal un cocido meu? Vasme ensinar a cocer grelos? A min? Levo corenta anos, corenta, oíches?, facendo cocidos. E guisos, e mariscadas, e peixe. E puxen esta Casa onde está. E pensas que unha mocosa coma ti me pode dicir como teño que cociñar? Iso foi o que aprendiches? Eras a favorita, pero está visto que o estilo desta Casa non che gusta. Isto non é para ti. Polo tanto, aquí non pintas nada, rapariga. Maribel, Rita, a Casa é vosa. Habédesvos amañar ben. Eu só teño dúas fillas. Tiña unha terceira, pero rexeitoume.

Relacionado con