Entremés – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Entremés

Categoría:

Xénero dramático cómico breve da época renacentista e barroca, que normalmente se intercalaba entre dúas xornadas dunha comedia para divertir o público coa súa intención burlesca. Na creación literario-dramática hispánica, considérase o que Lope de Rueda definiu como “paso” o precursor do entremés.

Outro dato histórico importante é que a primeira peza da literatura dramática galega é un entremés, aínda que algúns estudosos poñen en dúbida a adscrición da mesma a este xénero aínda que forme parte da didascalia do título: “Entremés famoso no que se contén a contenda que tiveron os labradores da freguesía de Caldelas cos portugueses sobre a pesca do río Miño. Ano de 167… Composto polo licenciado Gabriel Feixó de Araúxo, ano de 1671”. A extensión, a construción dos personaxes, a complexidade e variedade métrica ou o carácter históricos son algúns dos elementos que, malia a denominación do título, semellan afastar esta peza do subxénero cómico breve do entremés. Con todo, hai que ter en conta que esta prolífica composición terá, no ámbito ibérico, a súa adaptación específica ás regras e convencións de cada lingua e territorio.

A profesora María Paz Grillo Torres ofrece un conxunto de características que definen o entremés:

  • A brevidade, a comicidade e a dependencia.
  • Un só acto dunha duración media de 15 minutos.
  • A acción é simple. Máis ca un conflito, o entremés presenta unha situación ou situacións que acostuman xirar en torno ao engano e a confusión.
  • A temática provén da literatura e da tradición oral.
  • Aparecen ambientes e aspectos cotiáns, cun tratamento caricaturesco ou de costumismo paródico.
  • A finalidade é distraer ao espectador con recursos delirantes, carnavalescos ou absurdos.
  • Presenza de personaxes tipo das capas baixas da sociedade.
  • Alternan o verso e a prosa ata que se impuxo o verso maioritariamente na época barroca, aínda que en ningún caso se trata de linguaxe poética.

Relacionado con