Coherencia – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Coherencia

Categoría:

Principio dramatúrxico que se refire á harmonía e á lóxica interna entre os elementos dunha peza no nivel global. É unha categoría propia tanto da recepción coma da produción teatral.

Como analiza Patrice Pavis, esta noción é eminentemente dialéctica e só existe por oposición á incoherencia e, dese xeito, “a coherencia é aplicábel á organización dos diversos sistemas significantes, ao modo en que os significantes producen significados comparables, ou incluso redundantes. Cando se produce un desfase entre estes sistemas, a incoherencia adquire un sentido que sempre é pertinente.”

Cada estilo e cada xénero escénicos producen as súas propias regras e convencións, dende a organización da fábula coma un continuum secuencial de accións cunha unidade formal de espazo e tempo na dramaturxia clásica, até a fragmentación do drama contemporáneo. Tamén nos podemos referir, polo tanto, a coherencia como o feito de introducir un actante en calquera desas diversas composicións dramáticas sen que se rompe o seu carácter estilístico ou formal en relación a un xénero. Se o que se persegue é a transgresión ou evolución do mesmo, a presenza distorsionadora dun elemento nun sistema global de interpretación producirá novos efectos que se valorarán en función dos efectos inversos, é dicir, da incoherencia e da desorde con respecto a un tema, a construción dos personaxes, a secuenciación temporal da trama, a variación rítmica, etc.

Relacionado con