Perspectiva escénica – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Perspectiva escénica

Categoría:

Capacidade que ten un elemento ou conxunto de elementos nunha composición tridimensional para crear un determinado efecto visual ou percepción espacial e que, mediante a variación da súa escala e posición con respecto ao punto de vista do espectador, recrea un contexto, idea ou imaxe vinculada coa concepción real das cousas, para asimilala ou transgredila.

pers_escenica_1
Figura 1. Perspectiva.

A escenografía renacentista italiana, inspirada nas teorías sobre a perspectiva para a pintura e a colocación de obxectos nun escenario de Leon Battista Alberti, que utilizaba un punto de fuga e unha cuadrícula a escala dun braccio (medida humana de aproximadamente 1,8 m) coa cal calcular a altura anterior e posterior dun obxecto e crear unha determinada sensación de profundidade, empregou unha serie de técnicas pictóricas, lumínicas e compositivas para provocar na audiencia unha especial emoción vinculada coa experimentación do artificio, do trompe l’oeil (engano ao ollo), da ilusión dunha ficción visual.

Foi Peruzzi, arquitecto e deseñador teatral sienés, quen probablemente construíu en Roma o primeiro decorado en perspectiva. Posteriormente, o arquitecto Vicenzo Scamozzi quen deseñou as pantallas pintadas que representaban cruces de rúas e edificios con portas transitables para as entradas e saídas dos actores e cuxo debuxo, de 1580, nos amosa o axuste ás regras da perspectiva para o escenario do Teatro all’Antica de Sabbioneta. A escena fixa representaba unha praza e unha rúa longa en perspectiva onde se atopaban palacios nobres e burgueses, construída en madeira, estuco e pintado en falso mármore e pedra. Igualmente, no Teatro Olímpico de Vicenza, logo da intervención de Palladio, o propio Scamozzi fará evolucionar a frons scaenae inspiradora romana nun conxunto que debería ser desmontable e adaptable para distintas representacións. En 1584 a Academia Olímpica solicítalle a Sacamozzi, virtuoso tratadista da perspectiva, o deseño escenográfico e a luminotecnia para o espectáculo inaugural, Edipo rei, que representa as sete rúas de Tebas da ambientación ficcional da peza tráxica pero que amosa escorzos da Vicenza contemporánea con edificios proxectados cara a un horizonte afastado, cun piso inclinado e unha iluminación que axudan a crear os efectos da perspectiva. Tamén empregará un teito pintado, igual ca no orixinal de Sabbioneta, para representar a apertura do ceo azul e axudar igualmente a crear esa maxia visual nos espectadores.

Pero o uso da perspectiva en telóns pintados, sen estaren acompañados de bastidores revestidos de tea pintada ou periaktois coma no Renacemento, xa se pode remontar á Grecia clásica, pois Vitrubio atribúelle ao pintor Agatarco de Samos, escenógrafo de Esquilo, o emprego da perspectiva na pintura dos lenzos.

Relacionado con