Teatro – Páxina 2 – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Crítica xornalística

Vid. Crítica teatral

Crítica/crítico teatral

Persoa que se dedica á crítica teatral.

Crueldade, Teatro da

O Teatro da Crueldade é un termo acuñado polo autor, director e actor Antonin Artaud en 1938 no seu libro fundamental O teatro e o seu dobre. O concepto busca a expresión dunha nova forma de teatralidade que foxe do mimetismo absoluto e do psicoloxismo propios do drama naturalista, na procura dunha esencia primixenia das artes escénicas que Artaud atopa no carácter icónico do signo teatral e na irrepetibilidade do momento escénico.

Curral de comedias

Espazo de representación do teatro comercial durante o Barroco español, xunto cos palacios e recintos da monarquía para o teatro cortesán e a rúa para os autos e os cómicos da legua, entre outras manifestacións artísticas.

Desenlace

Elemento estrutural da intriga situado ao final da obra que implica a resolución dos distintos fíos causais do argumento.

Diálogo

1. Fórmula enunciativa propia do drama.
2. Xénero literario que organiza a ficción a partir da conversa entre dous ou máis personaxes.

Dialoxismo

Forma propia da polifonía discursiva que xera especificidades semántico-pragmáticas na construción dos textos.

Diazoma

Do grego διάζωμα, é o corredor horizontal que facilita o acceso do público aos asentos na grada (koilón) do theatron grego. Vid. Ilustración no termo “theatron”

Distanciamento, Efecto de

Chamado orixinalmente Verfremdungseffekt, trátase dun procedemento para crear distancia teatral ou estrañamento investigado, entre outras correntes, a través do Teatro Épico de Bertold Brecht.

Documento, Teatro

Tipo de teatro que presenta accións, textos, imaxes, xestos que non son xerados dende a ficción, senón dende a propia realidade.

Dossenus

Vid. Atelana

Drama burgués

Xénero que nace no século XVIII a partir da reformulación do teatro aristotélico xurdida da necesidade de atopar unha modalidade intermedia entre a comedia e a traxedia, capaz, ademais, de integrar o decoro dezaoitesco e as condicións da pièce bien faite.

Dramaturxia global

Vid. Posta en escena

Épico, Teatro

Fórmula pola que é coñecida a proposta teatral de Bertold Brecht, de contido marcadamente antiaristotélico.

Epización

Procedemento propio do teatro occidental a partir da segunda metade do século XIX polo cal foron abandonándose progresivamente algunhas das estruturas dramáticas máis características para introducir no drama estruturas propias da épica.

Escenificación

Vid. Posta en escena  

Escenoloxía

Disciplina que estuda a posta en escena.

Espectáculo

Forma de exhibición que, na súa modalidade artística, dá lugar aos distintos tipos de artes escénicas ou da representación: teatro, danza, ópera, circo, etc. Tamén son espectáculos, pero non artes escénicas, as actividades que implican a copresenza dun público que observa unha acción exhibida (deportes, ritos, accións colectivas, etc.).

Estaribel

Plataforma elevada para realizar unha representación na rúa ou nun espazo público.

Estrañamento

Vid. Distanciamento, Efecto de

Foyer

Espazo de encontro no edificio teatral.

Gestus

Termo específico da teoría do Teatro Épico de Bertold Brecht co que se refire á relación actitudinal entre os personaxes.

Gracioso

Personaxe, xeralmente masculino, característico do teatro do Século de Ouro español, tamén chamado  “figura del donaire”. Forma parte da cadea histórica de personaxes rústicos, coma o bobo ou os pastores e cobra protagonismo a partir das comedias de Lope de Vega.

Hanswurst

Literalmente, “Xoán Chourizo”. Nome dun personaxe tipo da farsa alemá dos séculos XVI e XVII, emparentado con Arlequino ou Bernadon, que representa ao parvo que en parte é hábil, ou ao tolo ao que as tolerías axudan a desenvolverse nunha vida de picaresca na que o sentido práctico predomina sobre o intelectual.

Innamorati

Vid. Commedia dell’arte

Intérprete

Persoa que desenvolve en escena algunha actividade interpretativa.

Íntimo, Teatro

Teatro de proximidade, onde a proximidade e ás veces a mestura entre os actores e os espectadores favorece que as fronteiras se dilúan e se cree un ambiente de festa, confesión ou de rito celebrativo e comunitario.

Kabuki

Xénero teatral xaponés que se remonta a finais do século XVI e que apareceu como unha versión laica das danzas budistas. Os argumentos habituais do kabuki son enredos amorosos entre o samurai e a cortesá. Ademais das obras de tema popular, tamén existen as de carácter histórico. É moi característico pola utilización de maquillaxe facial e ás veces corporal e pola mestura da danza, a música e o recitado.

Kathakali

Xénero teatral de orixe aristocrática que xorde no século XVII na rexión de Kerala, no surleste da India.

Kiogen

Xénero teatral xaponés cuxo nacemento se rexistra no século XIV e que se presentaba como un interludio entre os actos do teatro noh coa finalidade de distensión. Trátase dunha comedia, sátira ou absurdo de carácter popular.