Teatro – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Acción física

No Método de Konstantin Stanislavski, é a unidade básica dunha técnica de ensaios baseada na representación estimulada a través da imaxinación da actividade física do personaxe.

Actividade

Vid. Método

Actriz, actor

Persoa que se dedica á arte da interpretación.

Análise activa

No Método de Konstantin Stanislavski, técnica de ensaio baseada na aplicación á análise textual do drama dos principios teórico-literarios do formalismo ruso.

Antropoloxía teatral

Proposta teórico-práctica desenvolvida por Eugenio Barba e centrada no estudo das condicións pre-expresivas anteriores á actuación.

Aristotélico, Teatro

Dise do teatro construído a través dunha dramaturxia fundamentada nos preceptos sinalados por Aristóteles na súa Poética.

Artes ao vivo

Vid. Artes escénicas  

Artes do espectáculo

Vid. Artes escénicas

Artes escénicas

Conxunto de modalidades expresivas baseadas no emprego do signo escénico e caracterizadas, por tanto, polo directo como fórmula de expresión e comunicación.

Artes performativas

Vid. Artes escénicas  

Artes vivas

Vid. Artes escénicas.  

Auto

O auto ou auto sacramental é un xénero dramático renacentista, con orixes no teatro relixioso medieval.