Teatro – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Desenlace

Elemento estrutural da intriga situado ao final da obra que implica a resolución dos distintos fíos causais do argumento.

Diálogo

1. Fórmula enunciativa propia do drama.
2. Xénero literario que organiza a ficción a partir da conversa entre dous ou máis personaxes.

Dialoxismo

Forma propia da polifonía discursiva que xera especificidades semántico-pragmáticas na construción dos textos.

Diazoma

Do grego διάζωμα, é o corredor horizontal que facilita o acceso do público aos asentos na grada (koilón) do theatron grego. Vid. Ilustración no termo “theatron”

Distanciamento, Efecto de

Chamado orixinalmente Verfremdungseffekt, trátase dun procedemento para crear distancia teatral ou estrañamento investigado, entre outras correntes, a través do Teatro Épico de Bertold Brecht.

Documento, Teatro

Tipo de teatro que presenta accións, textos, imaxes, xestos que non son xerados dende a ficción, senón dende a propia realidade.

Dossenus

Vid. Atelana

Drama burgués

Xénero que nace no século XVIII a partir da reformulación do teatro aristotélico xurdida da necesidade de atopar unha modalidade intermedia entre a comedia e a traxedia, capaz, ademais, de integrar o decoro dezaoitesco e as condicións da pièce bien faite.

Dramaturxia global

Vid. Posta en escena