Teatro – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Cadro

Unidade estrutural de segmentación da obra dramática que se corresponde cunha mudanza espazo-temporal, a diferenza da mudanza vencellada á acción e á entrada e saída de personaxes que se correspondería coa división en actos ou mesmo escenas.

Cazola

Termo empregado habitualmente en castelán, cazuela. Vid. Curral de comedias.

Cinética

Fórmula expresiva en que a actriz ou o actor empregan para comunicarse elementos vencellados co movemento expresivo.

Clímax

Momento álxido de concentración da tensión rítmica.

Cohesión

Feito provocado por calquera código de significación ou por un signo no carácter polifónico da escena e do texto dramático, que trae consigo a homoxeneización e a capacidade de integración ou reforzo da unidade formal.

Comentario

Vid. Crítica teatral  

Comezo

Elemento estrutural da intriga situado ao principio da obra que implica a exposición dos elementos constitutivos da trama e mais a presentación dos personaxes.

Commedia dell’arte

Xénero cómico italiano nacido na século XVI e de importante influencia na cultura escénica europea posterior. Tamén recibiu as seguintes denominacións: commedia all’improviso, commedia a soggeto, commedia di zanni e, en Francia, comédie italienne. Como se indica no Dicionario de Termos Literarios do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades: “A súa orixe parece […]

Conflito

É o enfrontamento ou o choque entre dúas forzas que perseguen o mesmo obxectivo ou nas que unha impide o triunfo da outra nunha obra dramática. Tamén pode haber un conflito interno cando é un mesmo personaxe quen confronta dúas visións ou interese particulares na súa peripecia. Para que exista drama, o protagonista deberá atoparse […]

Coro

1. Personaxe colectivo da traxedia e da comedia grega clásicas encargado de alertar, informar, danzar ou bailar e que dialoga cos protagonistas a través do corifeo.
2. Agrupacións folclóricas que, a fins do século XIX e comezos do XX representaban zarzuelas e promovían a recuperación da música e a danza populares, alén de representacións teatrais de orde polo xeral costumista e rural.

Coturno

Calzado con base de cortiza que empregaban os actores da traxedia grega clásica nas representacións para os heroes e protagonistas, coa finalidade de pareceren máis altos.

Criterio

Vid. Crítica teatral

Crítica académica

Vid. Crítica teatral

Crítica literaria

Vid. Crítica teatral

Crítica teatral

Como disciplina propia da teatroloxía, encárgase de analizar unha obra teatral e de estabelecer un xuízo de valor de carácter sincrónico arredor dela. Procedente do verbo grego κρίνειν (“separar, analizar”), o termo mantén o sentido etimolóxico como criba, peneira, separación comprensiva de elementos que deben ser diferenciados para estabelecer o valor da obra en relación co conxunto.

Crítica xornalística

Vid. Crítica teatral

Crítica/crítico teatral

Persoa que se dedica á crítica teatral.

Crueldade, Teatro da

O Teatro da Crueldade é un termo acuñado polo autor, director e actor Antonin Artaud en 1938 no seu libro fundamental O teatro e o seu dobre. O concepto busca a expresión dunha nova forma de teatralidade que foxe do mimetismo absoluto e do psicoloxismo propios do drama naturalista, na procura dunha esencia primixenia das artes escénicas que Artaud atopa no carácter icónico do signo teatral e na irrepetibilidade do momento escénico.

Curral de comedias

Espazo de representación do teatro comercial durante o Barroco español, xunto cos palacios e recintos da monarquía para o teatro cortesán e a rúa para os autos e os cómicos da legua, entre outras manifestacións artísticas.