Bunraku – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Bunraku

Categoría:

Monicreque xaponés e, por extensión, espectáculo de monicreques acompañados por un narrador e un instrumentista. A súa orixe está pouco clara, pero hai referencias escritas que o levan até o século XII.


Foto de Leo Rodman [CC BY-SA 2.0], via Wikimedia Commons

A etimoloxía da palabra bunraku fornece de bastante luz esta arte milenaria e fortemente prescrita, coma moitos dos xéneros escénicos da tradición xaponesa, moi vinculados á idea de oficio e artesanía. Bunraku fai referencia ao canto con bonecos. A arte do canto  jōruri fúndese co oficio xograresco dos cegos de láude, que recitaban no S. XV a historia dun heroe. No século XVI o recitativo substitúese pola interpretación e xa no S. XVIII introdúcense bonecos e susbtitúese o laúde polo samisén, un instrumento de tres cordas e alongado mástil. A arte dos monicreques, porén, xa se coñecía moito antes no Xapón, pois utilizábanse non templos con finalidade relixiosa.

O Bunraku componse de cinco elementos fundamentais, catro escénicos e un literario:

  • Bonecos de aproximadamente dous terzos da dimensión do corpo humano.
  • A voz do declamador que debe falar aos monicreques e ao narrador, transformando as palabras do texto en acción dramática.
  • O acompañamento musical que proporciona o músico tocando o samisén, unha música caracterizada por transmitir sentimentos de nostalxia e melancolía.
  • Os tres manipuladores visíbeis, que non din nada, e cuxas mans e brazos, nun reparto de funcións perfectamente coordinada e tecnicamente impecábel, accionan e dan vida ao boneco.
  • O guión ou texto literario, entre os que podemos sinalar, por exemplo, Os amantes suicidas de Sonezaki.

É unha obra de arte con temática realista e melodramática, baseada na vida cotiá das clases urbanas, onde os amores imposibles e os suicidios son situacións moi habituais, que a fan triunfar na súa época dourado, o S. XVIII. Dous dos autores máis representativos deste xénero son Monzaemon e Chikamatsu.

Os manipuladores teñen unhas funcións moi concretas nesta arte que, ademais, require duns coñecementos e duns medios moi específicos para obter os efectos de son e movemento desexados. Por exemplo, estes monicreques non teñen fíos nos seus mecanismos, no mellor dos casos empréganse fibras das barbas de balea porque a queratina faina flexíbel e resistente. O manipulador principal coa súa man e brazo esquerdo sostén o boneco e manipula os mecanismos que controlan os ollos, pálpebras, cellas e beizos móbiles; mentres que a súa man dereita acciona o brazo dereito do boneco. O primeiro axudante do operario ocúpase só de mover o brazo esquerdo do boneco, cuxas pernas se encarga de accionar o segundo axudante. Os operarios ás veces traballan nun foxo, de modo que as súas pernas non sexan visibles para os espectadores. Ademais, o seu rostro non transmite ningunha expresión e a vestimenta negra axuda a que o foco de atención da audiencia recaia maiormente no boneco.

Os bonecos non perseguen unha similitude coa realidade, xa que esta arte procura o equilibrio entre realismo e estilización de certos cánones de beleza e harmonía para lograr o mellor efecto dramático, axudándose da esaxeración nos movementos e na fala, ampliando as emocións. As cabezas, que representan a idade, poden cambiarse nun mesmo personaxe ao longo da representación e as formas sinalan tamén características dos personaxes, por exemplo os ollos grandes e o queixo prominente para os heroes, a cabeza algo menor para os pillos, a boca articulada para os viláns, os monicreques de personaxes femininos non teñen pés para realzar a beleza da caída do quimono, etc.

A nivel de composición, é importante sinalar que a horizontalidade e o bidimensionalismo propios dos sistemas de representación das artes visuais e escénicas xaponesas tamén se aprecian nas postas en escena do bunraku, opostos ao emprego da perspectiva cónica como a empregada na Europa renacentista. Tamén para evitar problemas de visibilidade, a frontalidade é un elemento destacado, así coma outras solucións técnicas coma a maior dimensión do brazo esquerdo có dereito, para facilitar que o manipulador non ocupe unha posición demasiado próxima ao principal e o moleste.

Relacionado con