Butoh – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Butoh

Categoría:

Danza xaponesa de grande expresividade e rechamante poder visual, debido aos corpos dos bailaríns en tensión, espidos e pintados de branco. Nace despois da Segunda Guerra Mundial, nos anos 50, vinculada co espírito samurai e rompendo con certas prácticas da tradición cultural xaponesa, o que leva ás persoas practicantes desta disciplina artística a coñeceren tamén as técnicas da meditación ou das artes marciais e doutras técnicas non especificamente clásicas coma a improvisación ou o teatro físico. É unha arte moi conectada coa cultura occidental, aínda así, pois ademais de ser representada con frecuencia fóra do Xapón, tamén se viu influída no seu nacemento polos movementos de renovación das artes escénicas en Europa, concretamente pola danza feísta de Mary Wigman, claro antecedente do teatro-danza de Pina Bausch ou pola estética expresionista.


Foto de Laurent Ziegler [CC BY-SA 4.0], via Wikimedia Commons

Fundada por uns artistas de vangarda, Tatsumi Hijikata e Kazuo Ohno, esta “danza da escuridade” posúe un claro reflexo da desolación e da contestación á censura e contaminación cultural norteamerica durante o estourido das bombas atómicas en Hiroshima e Nagasaki. Entre as características desta situación posbélica e da reacción contra a cultura occidental, atoparemos a abundancia de imaxes de corpos extremadamente delgados, próximos á idea da morte, á enfermidade ou ás danzas rurais xaponesas.

Este xénero dancístico tenta trasladar ás expresións corporais distintos estados mentais, o que se traduce en lentas transicións e unha estética feísta, mesmo grotesca, que busca conectar cos estados internos do ser humano e coas emocións. Esta danza require un intenso adestramento das persoas executantes e a súa ensinanza non é sinxela, xa que non posúe unha tradición tan longa coma outras disciplinas artísticas nin está baseada nunca técnica prescrita, alén do feito de que pode dar pé a multitude de estilos, ao procurar a expresión do individuo e da súa contorna.

Relacionado con