Modelo actancial – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Modelo actancial

Categoría:

Esquema de análise que procede da narratoloxía, en concreto do lingüista lituano Algirdas Julius Greimas. A estrutura actancial que propón este investigador a partir de estudos anteriores de Etienne Souriau e Vladimir Propp, contempla seis funcións básicas: Suxeito, Obxecto, Destinador, Destinatario, Axudante e Opoñente.

Deste xeito, a acción vén dada por un Suxeito que persegue ou desexa un Obxecto, para o cal terá a colaboración do Axudante e obstáculo, dificultade ou impedimento dun Opoñente. O conxunto de feitos é promovido e incentivado por un Destinador en beneficio dun Destinatario, que normalmente é de orixe moral ou ideolóxica (a liberdade, a xustiza, o amor, etc.).

Como se pode observar neste esquema, Greimas afirma que as categorías actanciais están vinculadas entre si por unha dobre relación sintagmática:

 

Destinador → Obxecto → Destinatario

Axudante ← Suxeito ← Opoñente

 

Para Patrice Pavis, o modelo actancial posúe unha grande utilidade para os labores dramatúrxicos, xa que non desliga artificiosamente os caracteres das accións, polo que a súa aplicación resulta altamente produtiva na análise das dinámicas e das relacións entre os personaxes, así como na definición das súas accións e dos seus comportamentos no proceso da posta en escena.

 

Relacionado con