Tres unidades, Regra das – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Tres unidades, Regra das

Categoría:

Precepto propio do clasicismo formulado con intención de garantir, na elaboración da literatura dramática, o respecto á interpretación normativa da Poética de Aristóteles do século XVII. Así, partindo da importancia dada por Aristóteles á unidade de acción, estabelécese a necesidade de respectar as unidades de tempo e de lugar. Da observación desas tres unidades na creación dramática, derivaríanse outras normas propias do modelo teatral clasicista que, por tanto, definen tamén a estética e os xéneros propios da época.

Nicolas Boileau, na súa Poética do ano 1674, recolle o respecto da norma unitaria coma unha cuestión de “sentido común” que viña xa de preceptores anteriores a el coma Jean Chapelain ou La Mesnadière, que a herdan dos primeiros comentaristas italianos da Poética de Aristóteles, fundamentalmente de Castelvetro, que publica o seu comentario á poética do Estaxirita en 1570. Nese contexto de interpretación errónea tanto do concepto de unidade aristotélica coma do seu principio de verosimilitude, cómpre salientar, entre nós, a furibunda e enxeñosa crítica á regra das tres unidades realizada por Lope de Vega en El arte nuevo de hacer comedias (1609), onde explica que Aristóteles nada comenta sobre tal norma e que, en todo caso, a súa unidade de acción procederá da estrutura argumental da obra e non do estabelecemento dun precepto que é contrario ao gusto do público e ás máis básicas normas da construción da fábula e da súa exhibición escénica. Con todo, a norma unitaria non foi tan contemplada polos dramaturgos coma polos teóricos durante o clasicismo, aínda que o seu vínculo indiscutíbel coa idea de decoro si influíu nas fórmulas da efectividade dramatúrxica da chamada pièce bien faite.

Relacionado con