Noh – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Noh

Categoría:

Drama clásico xaponés do S. XIV que comeza a forxarse a partir de obras anónimas escritas por sacerdotes budistas e sintoístas e que evolucionou a unha forma altamente convencionalizada, con patróns temáticos derivados das fontes relixiosas e de mitos folclóricos.

O teatro noh emprega o verso, a prosa, a danza e as cancións corais para producir unha obra máis ben simbólica, ritual e suxestiva. Os temas adoitan ser históricos ou lendas antigas. O desenvolvemento e transformación do teatro noh foi moi importante grazas ao traballo dos intérpretes e de tratadistas do S. XV coma Kanami ou Zeami.

Nas representacións deste xénero teatral empréganse máscaras, que se poden clasificar de acordo coa división clásica do programa tradicional de cinco obras, cada unha relacionada cun tipo de personaxe: deuses, guerreiros, mulleres, lunáticos e demos. As máscaras só son empregadas polo actor principal, mentres que outros se caracterizarán polo uso doutros elementos da indumentaria ou da caracterización específicos, coma os vestidos de samurai que pode empregar o coro de seis ou oito actores.

A conceptualización estética do teatro noh, que vai dende os movementos (a solemnidade ou o camiñar case arrastrando os pés coma na cerimonia do té), as características do edificio teatral (coa idea de baleiro coma nos xardíns budistas da época e elementos protagonistas coma a árbore do piñeiro), as formas ou o estilo interpretativo camiñan arredor da beleza misteriosa, a graza, a fugacidade, elegancia e fraxilidade, ideas capitais para a expresión e a codificación do teatro noh.

O espazo de representación, que empeza sendo un templete dentro dun santuario, comeza a prescribirse no período Edo (1603-1868) en todos os aspectos, tamén no do espazo arquitectónico como un modelo estrutural de piares e vigas de madeira con tres ambientes: un central onde vive a humanidade cunha parte lateral e posterior para os músicos e o coro, un espazo suxerido tras unha cortina de cor que simboliza o máis alá, onde habitan os espíritos, deuses e pantasmas e un terceiro corredor ou ponte que une as ánimas co noso universo. Orientados ao sur, cunha cortina cara o poñente, coma o paraíso budista. Tamén adoita haber un pano pentacor, símbolo da natureza sen límites: terra, auga, lume, vento e aire. Separa os dous mundos, de acordo coa teoría dos cinco elementos.

Relacionado con