Teoría – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Mediación

1. Accións destinada a permitir a participación dos diferentes axentes no sistema artístico en cuestión, neste caso o sistema teatral. 2. Procedemento compositivo vinculado coa narración a través do cal se constrúe unha instancia enunciativa que xera a ficción.

Mediación

Proceso de intervención nun sistema artístico dado que abarca as tarefas e dinámicas orientadas a poñer en relación a produción e a recepción ou consumo do produto.

Mediadora ou mediador

Vid. Mediación  

Medio

Vid. Mediación  

Melodía

Na Poética de Aristóteles, un dos medios da imitación, canda a palabra e o ritmo.

Melodía

Un dos medios cos que se imita, xunto co ritmo e a palabra, que poden comparecer por separado ou combinados entre si.

Metadrama

Vid. Metateatro  

Metateatro

Forma de metaficción especificamente teatral na que o propio teatro forma parte da construción do mundo posíbel dramático xerando unha estrutura complexa na que o teatro contén o propio teatro.

Mímese

Imitación, representación icónica dun referente. É o concepto fundamental da estética e poética antigas. Do grego μίμησις (mimesis), traducido ao latín como imitatio, o concepto nace para referirse á relación creativa entre a arte e o mundo, sendo esta de orde reprodutiva.

Mise en abîme

Literalmente, “construción en abismo”. Estrutura narrativa e dramatúrxica que consiste na repetición de partes que se amosan coma contidas unhas dentro das outras. Nunha estrutura deste tipo, hai sempre unha historia marco que contén dentro de si unha ou varias historias estruturalmente análogas.

Mobilidade, Principio de

Vid. Signo escénico  

Modelo actancial

Esquema de análise que procede da narratoloxía, en concreto do lingüista lituano Algirdas Julius Greimas. A estrutura actancial que propón este investigador a partir de estudos anteriores de Etienne Souriau e Vladimir Propp, contempla seis funcións básicas: Suxeito, Obxecto, Destinador, Destinatario, Axudante e Opoñente.

Mundo posíbel

Vid. Mundos posíbeis, Teoría dos

Mundos posíbeis, Teoría dos

Proposta teórica que trata de explicar a formula compositiva da ficción, entendendo que todo construto ficcional xera un mundo diferente do mundo real en termos semánticos, cunhas normas de funcionamento xeradas pola propia organización da ficción determinada por modos de enunciación específicos dos discursos artísticos.

Mythos

Cómpre distinguilo de “mito” Vid. Fábula