Teoría – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Fábula

Tradución latina do grego mythos, que na Poética de Aristóteles se refería tanto á disposición dos acontecementos na traxedia coma ao propio relato dos feitos.

Fatalidade de custos, Lei de

Norma que rexe o funcionamento económico das artes escénicas, tendente ao déficit debido á lagoa de produtividade que se xera cando os gastos son constantes mentres que os ingresos tenden a diminuír. Esa tendencia obriga a que os modelos de produción nas artes escénicas deban procurar permanentemente fórmulas externas de inxección de capital.

Feminista, Teatro

Toda manifestación escénica ou dramática realizada con perspectiva de xénero, isto é, desde a ruptura coas fórmulas de organización teatral naturalizadas polo patriarcado a través das que se normaliza o sometemento das mulleres, o seu desempoderamento e a súa desigualdade, asumindo, ademais, que a Historia do Teatro silenciou tanto a presenza das artistas e o seu punto de vista estético, coma o tratamento teatral de modelos de muller heterodoxos.

Ficción

Fórmula discursiva sobre a que non é aplicábel o criterio de verificación e que, por tanto, serve para representar artisticamente mundos posíbeis, entidades imaxinarias ou realidades alternativas.

Ficcionalidade

Propiedade dos discursos artísticos que perseguen crear un mundo posíbel ou ficción.

Figura

En análise do discurso da posta en escena, é a noción estrutural referida ao valor que exerce a presenza dun ser humano en escena, tanto se interpreta un personaxe coma se non.
En retórica, é un procedemento expresivo que implica un desvío dos usos comunicativos cotiáns ou non marcados da linguaxe cunha finalidade estética.

Final aberto

Recurso dramatúrxico que consiste en deixar inacabada unha ou varias tramas argumentais dentro dunha historia. O contrario sería un final pechado.

Flash back

Vid. Analepse  

Flash forward

Vid. Prolepse