Teoría – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Canon

Espazo simbólico formado por obras, autores e estilos dotados de lexitimidade e prestixio. Vencéllase cos espazos do repertorio considerados modélicos e institucionalizados, o que posibilita o seu emprego como exemplo estético.

Canonicidade

Calidades ou propiedades que provocan a inclusión dunha obra no canon e que, por tanto, determinarán o concepto de valor estético e do gusto nun sistema dado.

Canonización

Proceso polo cal unha obra, autor ou estilo accede ao canon.

Carácter

Figura ou personaxe considerado na súa individualidade e coas súas calidades morais e trazos psicolóxicos.

Catarse

Do grego καθάρσις (katharsis), significa purificación. Na Poética de Aristóteles é o obxectivo da obra, a consecuencia da súa recepción e a culminación emocional e racional da hermeneuse.

Causal, Estrutura

Vid. Causalidade

Causalidade

Modo de disposición dos acontecementos que constitúen a acción polo cal se amosan como sucedidos por un motivo lóxico, sexa esta lóxica xerada pola orde natural ou pola orde de estruturación dos feitos no argumento.

Codificación

Vid. Comunicación teatral  

Código

Formado por un conxunto de signos individuais e mais polas leis de combinación entre estes, un código é a ferramenta compositiva das mensaxes en todo acto comunicativo, que por tanto debe ser coñecida tanto para as persoas que emiten coma para as destinatarias da mensaxe.

Compaixón

Vid. Mágoa

Convención

Norma de comportamento tanto creativo coma receptivo que senta a base dun acordo a través do cal as persoas que interveñen na comunicación escénica asumen que o resultado das accións en escena é unha obra estética, non real, parámetro fundamental para a súa interpretación e valoración.

Crítica académica

Vid. Crítica teatral

Crítica literaria

Vid. Crítica teatral

Crítica xornalística

Vid. Crítica teatral

Crítica/crítico teatral

Persoa que se dedica á crítica teatral.

Crueldade, Teatro da

O Teatro da Crueldade é un termo acuñado polo autor, director e actor Antonin Artaud en 1938 no seu libro fundamental O teatro e o seu dobre. O concepto busca a expresión dunha nova forma de teatralidade que foxe do mimetismo absoluto e do psicoloxismo propios do drama naturalista, na procura dunha esencia primixenia das artes escénicas que Artaud atopa no carácter icónico do signo teatral e na irrepetibilidade do momento escénico.