Historia – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Medieval, Posta en escena

Na época medieval, os espectáculos divídense en dous tipos fundamentais: o teatro relixioso e o teatro profano. Na primeira parte podemos atopar representacións de tropos ou diálogos da Biblia no interior das igrexas, como por exemplo o Quem quaeritis?, o drama litúrxico máis antigo que se coñece despois da caída do Imperio Romano e da […]

Melodía

Un dos medios cos que se imita, xunto co ritmo e a palabra, que poden comparecer por separado ou combinados entre si.

Melodrama

Xénero literario dramático que que nace no século XVIII, moi do gusto da burguesía e que ten un gran éxito ata ben entrado o século XX. Caracterízase por tratar asuntos paixonais e esaxerados, con emprego do suspense como un dos principais recursos dramáticos. Tamén adoita conter música, pois nos seus antecedentes renacentistas era un elemento esencial.

Memoria afectiva

Vid. Memoria emocional  

Memoria emocional

No sistema de interpretación elaborado por Konstantin Stanislavski, é un dos mecanismos fundamentais no exercicio da interpretación, baseado na reprodución das emocións xurdidas en vivencias anteriores da persoa que actúa a través das cales constrúe o carácter do personaxe.

Mestre da representación

Vid. Medieval, posta en escena

Método

1. Conxunto de exercicios, adestramentos e reflexións teóricas que permiten a aprendizaxe dun modelo teórico-práctico de interpretación e construción do personaxe.
2. Sistema de interpretación descrito por Konstantin Stanislavski.
3. Sistema de interpretación que, a partir das ideas de Stanislavski, se desenvolve nos Estados Unidos durante a segunda metade do século XX.