Historia – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Drama burgués

Xénero que nace no século XVIII a partir da reformulación do teatro aristotélico xurdida da necesidade de atopar unha modalidade intermedia entre a comedia e a traxedia, capaz, ademais, de integrar o decoro dezaoitesco e as condicións da pièce bien faite.

Drama por estacións

Xénero propio do teatro expresionista que, na busca da ruptura coa estrutura clásica do drama organizado en actos, organiza a trama a través de sinxelos cadros ou pequenas escenas que van poñendo en relación os distintos personaxes da peza.

Drama romántico

Xénero dramático con profusión na Francia e Alemaña de finais do S. XVIII e XIX e que presenta situacións fantásticas e espazos exóticos, misteriosos e sombríos ou macabros, mesmo.

Drama satírico

É un dos xéneros dramáticos da Grecia Clásica, xunto coa traxedia e a comedia. Pode dicirse que era unha traxedia divertida, con presenza de elementos paródicos e cómicos en asuntos serios, unha estrutura similar á da traxedia, pois contaba con prólogo, párodos, episodios e éxodo, mais a diferenza desta podía conter certos vulgarismos, coloquialismos e unhas construcións sintácticas máis simples.