Teoría – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Signo escénico

Unidade mínima de significado na posta en escena caracterizada pola súa natureza icónica, múltiple e simultánea.

Signo icónico

Vid. Icono

Símbolo

1. Tipo de signo no que a relación co referente é de carácter arbitrario (por exemplo, o signo lingüístico).
2. Signo que representa unha entidade abstracta. Trátase, neste senso, dunha figura retórica do pensamento empregada para expresar conceptos abstractos a través de signos que sorprenden pola asociación que implican ou que estabelecen unha semiose complexa pola espiral evocadora que xeran.

Sistema consolidado

Sistema teatral que, por ter acadado un certo grao de madurez e desenvolvemento, posúe un funcionamento normal e complexo.

Sistema emerxente

Sistema teatral que, pola súa mocidade ou polas súas múltiples anomalías, non desenvolveu aínda o funcionamento normal de todos os seus factores.

Sistema teatral

Segundo a Teoría de Polisistemas de Itamar Even Zohar, sistema é unha rede de relacións sociais arredor dunha determinada actividade. O sistema teatral, por tanto, consistirá no conxunto de interrelacións entre os distintos axentes e accións en torno á actividade que denominamos “teatro”.