Socioloxía teatral – Páxina 2 – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Nacional, Teatro

1. Conxunto de autores, textos e espectáculos teatrais que simbolizan a nación e, por tanto, aglutinan a través das súas escollas estéticas os valores identitarios básicos dunha comunidade dada.
2. Compañía pública de teatro encargada de pór en escena os textos canónicos nun sistema teatral dado, e, por tanto, de dar carácter institucional aos valores identitarios simbolizados por esas obras.
3. Edificio teatral no que reside a compañía pública de teatro.

Nacionalismo teatral

Ideoloxía nacionalista aplicada á formulación teórica dun teatro nacional concreto, definíndoo a partir das particularidades etnoestéticas atribuídas a unha comunidade nacional determinada que entende o seu teatro diferencial como un aspecto identitario máis.

Planificación teatral

Acto deliberado de intervención sobre o sistema teatral con intención prospectiva e desde a vontade de mudar as dinámicas do mesmo.

Polisistemas, Teoría de

Teoría funcionalista que tenta explicar o funcionamento das actividades humanas en sociedade a partir da idea dunha rede de relacións complexa, o sistema, que establece vínculos de interdependencia con outras redes.

Política cultural

Conxunto organizado de intervencións conscientes de carácter institucional e gobernamental destinado a pór orde nas dinámicas sociais vinculadas coa cultura e estabelecer acordos colectivos e normas que rexan o funcionamento do campo cultural e dos diversos sistemas artísticos nunha comunidade determinada e nun Estado dado. Cando as políticas culturais se orientan especificamente ao desenvolvemento de sistemas teatrais ou escénicos desde a premisa do teatro ou as artes escénicas como ben público, denomínase política teatral.

Política teatral

Forma da política cultural que orienta a acción dos poderes públicos cara ao teatro e as demais artes escénicas, posibilitando dinámicas de funcionamento do sistema que garantan a comunicación social das artes escénicas e as súas funcións específicas dentro do campo cultural.

Produto

Na Teoría de Polisistemas, de Itamar Even-Zohar, é o factor que representa a consecuencia concreta e elaborada da función de produción. No sistema teatral, produto é un texto escénico ou dramático rematado e completo, producido e consumido en función das precondicións impostas polo repertorio.

Produtor/Produtora

Na Teoría de Polisistemas, de Itamar Even-Zohar, é o factor que representa a función da elaboración dos produtos, iniciando así as dinámicas artísticas nunha sociedade dada. No sistema teatral, produtor ou produtora é aquel individuo ou entidade encargado de crear teatro, isto é directoras e directores de escena, compañías e dramaturgas e dramaturgos.

Psicodrama

Metodoloxía psicolóxica ou da psicoterapia que ten como obxectivo o diagnóstico e tratatemento clínico empregando o xogo dramático para tentar superar conflitos patolóxicos ou traumas e bloqueos persoais.

Público

1. Conxunto das persoas que reciben unha función dun espectáculo escénico. Conxunto das espectadoras e espectadores.
2. Grupo heteroxéneo de consumidoras e consumidores nun sistema teatral.

Repertorio

Na Teoría de Polisistemas de Itamar Even-Zohar, é o factor que representa a función do código, proporcionando así as ferramentas compositivas necesarias para que un produto dado poida funcionar de xeito sistémico. No sistema teatral, o repertorio é o conxunto de regras e materiais que rexen tanto a elaboración coma o consumo dun produto teatral determinado.

Rito

Celebración ou acto cerimonial que celebra unha comunidade cultural de xeito repetido ou estacional, para conseguir determinados beneficios ou purificar, iniciar, consagrar, de carácter funerario ou conmemorativo, de paso ou de acción de grazas.

Sistema consolidado

Sistema teatral que, por ter acadado un certo grao de madurez e desenvolvemento, posúe un funcionamento normal e complexo.

Sistema emerxente

Sistema teatral que, pola súa mocidade ou polas súas múltiples anomalías, non desenvolveu aínda o funcionamento normal de todos os seus factores.

Suceso

Vid. Acontecemento.