Literatura dramática – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Cadro

Unidade estrutural de segmentación da obra dramática que se corresponde cunha mudanza espazo-temporal, a diferenza da mudanza vencellada á acción e á entrada e saída de personaxes que se correspondería coa división en actos ou mesmo escenas.

Canevás

Vid. Commedia dell’arte

Carácter

Figura ou personaxe considerado na súa individualidade e coas súas calidades morais e trazos psicolóxicos.

Caracterización

1. Proceso polo que se estabelece a configuración física, psíquica e emocional que define o personaxe en relación coa acción e que resulta esencial para crear a través dos personaxes o chamado “efecto de realidade”. 2. Disciplina vencellada co traballo escenográfico destinada a configurar visualmente o aspecto do personaxe en escena.