Produción – Páxina 2 – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Programadora, Programador

Persoa que se ocupa da programación dun espazo ou casa do teatro e que pode ter diferentes graos de especialización e adicación dependendo do carácter público ou privado da entidade xestora ou da relación de postos de traballo da adminstración que o contrata.

Proxecto escénico

Ferramenta propia da planificación cultural aplicada ás artes escénicas a través da cal se delimitan tarefas e recursos, así coma a súa organización no tempo e no espazo, co fin do lograr tanto un obxectivo artístico, coma a mellora económica, unha mudanza no modelo de produción, a difusión da obra ou a compañía, a procura de espectadores ou mesmo un propósito político-cultural máis amplo.

Rede

Vid. Circuíto

Representación

1. Posta en escena. Exhibición da obra ante o público.
2. Mímese. Ficción creada a través da posta en escena.
3. Resultado do proceso de construción do significado global da posta en escena a través de signos escénicos.

Subvención

En sistemas escénicos de intervención pública, é a asignación de recursos económicos desde a Administración aos diversos axentes de produción (compañías privadas, entidades para a exhibición e distribución, etc.).