Produción – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Mecenado

Modelo de protección artística e fomento das artes consistente no financiamento e promoción dun artista concreto e a súa obra a través da garantía de compra, o sustento económico, o fornecemento de recursos vitais ao artista ou a residencia como garante da continuidade da produción.

Mecenas

Entidade gobernamental ou persoa con recursos económicos, simbólicos e sociais capaz de brindar protección e capital a artistas en xeral e a compañías escénicas en particular para garantir que a súa actividade artística se desenvolva con normalidade.

Mercado

Na Teoría de Polisistemas, de Itamar Even-Zohar, é o factor que representa a canle na que produtores e consumidores intercambian os produtos teatrais. No sistema teatral, o mercado é un conxunto de actividades vencelladas coa adquisición do capital simbólico e social do teatro a través do investimento de capital económico.