Teoría – Termos Escénicos

Termos Escénicos

Dicionario Enciclopédico

Cadro

Unidade estrutural de segmentación da obra dramática que se corresponde cunha mudanza espazo-temporal, a diferenza da mudanza vencellada á acción e á entrada e saída de personaxes que se correspondería coa división en actos ou mesmo escenas.

Canon

Espazo simbólico formado por obras, autores e estilos dotados de lexitimidade e prestixio. Vencéllase cos espazos do repertorio considerados modélicos e institucionalizados, o que posibilita o seu emprego como exemplo estético.

Canonicidade

Calidades ou propiedades que provocan a inclusión dunha obra no canon e que, por tanto, determinarán o concepto de valor estético e do gusto nun sistema dado.

Canonización

Proceso polo cal unha obra, autor ou estilo accede ao canon.

Carácter

Figura ou personaxe considerado na súa individualidade e coas súas calidades morais e trazos psicolóxicos.

Catarse

Do grego καθάρσις (katharsis), significa purificación. Na Poética de Aristóteles é o obxectivo da obra, a consecuencia da súa recepción e a culminación emocional e racional da hermeneuse.

Causal, Estrutura

Vid. Causalidade

Causalidade

Modo de disposición dos acontecementos que constitúen a acción polo cal se amosan como sucedidos por un motivo lóxico, sexa esta lóxica xerada pola orde natural ou pola orde de estruturación dos feitos no argumento.